César Lorenzo Gil . Un fallo de Nicolas Anelka nos lanzamentos definitivos valeulle ao Manchester United para conseguir pechar unha das mellores tempadas da súa historia. Diante do Chelsea, o tempo regulamentario acabou en empate (1-1). O equilibrio mantívose en todo o momento entre as dúas escuadras máis en forma de Europa.
A Liga dos Campións acabou con suspense, nervios e fortuna. A final entre o Manchester United e o Chelsea mostrou os vimbios que caracterizaron a Premier League inglesa esta tempada: espectáculo, forza, arroubo e moita igualdade. Cada equipo tivo un tempo durante os primeiros 90 minutos, aínda que os goles chegaron ambos na primeira metade. Cristiano Ronaldo adiantou os diaños vermellos e logo Frank Lampard empatou para o equipo londiniense. Dous grandes futbolistas que querían ser fundamentais nunha cita tan importante coma esta. O portugués do Manchester ten gana de gañar todos os premios posíbeis este ano. Como se encargase unha vitrina que agora ten medio baleira, o mediapunta foi un pulmón e tivo nas botas máis goles. Mais o Chelsea tampouco é un equipo que se enrugue. A base de fortaleza no medio campo e un concepto de fútbol baseado no ataque e na defensa totais, os "azuis" tamén dispuxeron de boas opcións de adiantarse novamente no marcador. Prórroga O empate provocou unha prórroga que foi de todo menos contemplativa. Os dous conxuntos temían a lotaría dos penaltis e xogaron dándoo todo. Non foron poucos os xogadores que caeron ao chan con cambras nas pernas polo esforzo de xogaren tantos minutos sobre unha relva enchoupada pola chuvia de Moscova pero con todo aínda houbo tempo para ver un remate ao pau de Lampard e unha moi boa xogada de combinación do Manchester que Ryan Giggs non converteu en gol grazas ao instinto de John Terry para espaventar o balón a córner de cabeza. Ao final do tempo engadido, Didier Drogba deulle un sopapo ao serbio Nemanja Vidic que lle custou a expulsión. O cartón vermello ao dianteiro do Chelsea descentrou un tanto o seu equipo, que acabou por pedir a hora e ofrecerse en oración aos santos que axudan aos porteiros cando lles lanzan penas máximas. Guión de cinema Se poñen a un equipo de guionistas de Hollywood a compoñer a historia da tanda de penaltis non lles sae máis aquelada que a recta final do duelo de Moscova. O primeiro "teaser", o fallo do gran crack. A bota de ouro (máximo goleador de Europa), máximo candidato ao balón de ouro e alma mater do Manchester, Cristiano Ronaldo, párase diante do balón no terceiro lanzamento do seu equipo. O que ía para "paradinha" convértese nunha parada de dous segundos, suficiente tempo para que Petr Cech adiviñase cara a onde ía tirar. O balón rebotoulle na faciana pero a quen lle doeu foi ao portugués. Os seguintes lanzamentos foron elegantes e escuadrados. As bágoas nacíanlle nos ollos a Ronaldo. Faltaba só un disparo. O definitivo. Se John Terry marcaba, acababa a festa e Roman Abramovich (o presidente do Chelsea) ben podía alugar a metade de Moscova para celebrar a xesta. O capitán londiniense achegouse á area con esa cara de cachirulo de barriada, refuxindo a camiseta e ollando a Edwin van der Sar desde moi alto. Fixo unha carreira perfecta pero cando bateu coa empeña o balón a perna de apoio escorregou no bulleiro e o disparo foise fóra. Cristiano Ronaldo respirou. O santo dos porteiros estaba esta noite de parte do Manchester. Na ruleta rusa da segunda fase da tanda, os xogadores do Manchester foron eficaces. Tamén Solomon Kalou para o Chelsea lanzou coa calma dunha praia brasileira. En cambio, o francés Anelka chegou ao balón suoroso e os nervios transmitiullos nun intre á pelota. No ricto do fociño tiña marcado que ía fallar. O seu disparo parouno con estilo Van der Sar. O Manchester e Cristiano Ronaldo pasaron á historia. Quen o diría cinco minutos antes.
Edwin van der Sar detñen o tiro de Nicolas Anelka na final da Liga dos Campións 2008 de Moscova . Dylan Martinez/REUTERS