Redacción . Medio cento de persoas congregáronse no acto de entrega, no colexio Eusebio Lorenzo Baleirón, en Dodro, entre elas a nai e a filla do poeta que lle dá nome ao premio.
Xabier Xil Xardón nun recital
"Este poemario leva o selo de todos os que levamos a bagaxe da Limia e do que esa terra perdeu, pero amplíase para ser unha metáfora de todas as perdas do país galego, que debemos recuperar", afirmou o autor de Cando menos, a derrota, último premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. O certame é convocado anualmente polo Concello de Dodro, dende o 1988. A esta edición presentáronse un total de 33 traballos, dos que cinco foron descartados por incumprimento das bases.
Entre o público estaban presentes tres poetas impulsores do premio: Avelino Abuín de Tembra, Anxo Angueira e Helena Villar, quen tamén presidiu o xurado do certame e abriu o acto de entrega, logo dun recital de música tradicional galega a cargo da Coral Polifónica de Laíño. A poeta falou do premio Eusebio Lorenzo Baleirón como "un dos máis consolidados do país", dedicado ao gran poeta de Dodro".
Pola súa banda, Anxo Franco, tenente de alcalde deste concello da comarca do Sar e xurado do premio, dirixiulle unhas palabras de agradecemento a Ediciós do Castro, a editorial a través da cal se publicaron as anteriores vinte obras gañadoras do premio, que este ano editará Sotelo Blanco. Tamén el lle entregou a Xil Xardón o seu premio: 2.300 euros, a figura de Sargadelos Homenaxe ao Castro, e o compromiso de edición de 500 exemplares da súa obra. Integraban tamén o xurado os poetas Anxo Angueira, Xiana Arias, Nieves Soutelo, gañadora da anterior edición, e Miro Villar.
Descargar Tarifas