Redacción . A segunda edición das Xornadas de Literatura Oral organizada pola Asociación De Escritores en Lingua Galega (AELG) arranca hoxe en Lugo. Nesta volta a atención céntrase na presenza do lobo na literatura oral galega baixo o lema 'O mito que fascina: do lobo ao lobisnomes'.
O Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, acolle estas xornadas literarias que analizarán o protagonismo do lobo dentro dos contos populares da literatura oral galega. Baixo o título O mito que fascina: do logo ao lobishome os coordinadores da cita, Isidro Novo e Antonio Reigosa, invitaron a unha serie de autores coñecedores das mil e unha facianas do mito do lobo, do lobo real e do lobo imaxinario, que van tratar os diferentes aspectos deste temido e admirado animal. O lobo, como personaxe literario e de ficción, desde Carrapuchiña e os contos populares ata os contos de lobos de Ánxel Fole; o lobo como tótem na mitoloxía popular do País Vasco, o lobo como vítima atrapada nos foxos do lobo, e o lobo que algúns humanos imaxinan que son cando se transforman en lobishomes como mito universal, mito recreado unha e mil veces na literatura e no cine, centrará as conferencias ás que asistirán autores como Xabier P. Docampo, Antxón Gómez Lorente, Alberte Reboreda ou X. Luís Garrosa. Mostra paralela Para non perder de vista o lobo, animal real, ADEGA, ERVA e AAAGP organizan unha exposición baixo o título “O lobo, unha carreira pola supervivencia” que vai estará aberta na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo ata o 25 de outubro.
Lobo ibérico nun centro de recuperación.
Descargar Tarifas