PUBLICIDADE
Mércores, 08 de outubro de 2008
XOSE MARIA ALVAREZ BLAZQUEZ
O home que lle devolveu ao pobo as palabras

Lara Rozados Álvarez Blázquez foi unha figura referencial, non só na escrita, senón tamén, e sobre todo, á hora de recuperar textos, literarios ou non, e achegárllelos á cidadanía

Reloxo 17.05.2008 | 08:06

Os libros da Colección O Moucho foron un intento exitosos de difusión social da literatura en galego Os libros da Colección O Moucho foron un intento exitosos de difusión social da literatura en galego

Álvarez Blázquez foi un dos alicerces da nosa cultura logo dun período negro, de máis dunha década de silencio practicamente absoluto. En 1950, ano en que tamén nacía a editorial Galaxia, e cando a colección Benito Soto levaba dous anos en marcha, Álvarez Blázquez e Lois Viñas Cortegoso facían da súa libraría de vello, que levaba dous anos funcionando na rúa General Aranda de Vigo, un proxecto ben máis ambicioso e que sería a Editorial Monterrey. Dirixida a un público minoritario e selecto, tiña como un dos obxectivos fundamentais a recuperación de textos cultos. A través das coleccións “Leigado do Vento” e “Beatus Iacobus”, salvaba do esquecemento xoias bibliográficas ou sacaba á luz manuscritos escasamente divulgados. Doutra parte, “Frol e Froito”, nunha liña máis popular, esmerábase por darlle pulo a novos autores emerxentes.

Pero a vontade divulgadora de Álvarez Blázquez quedou patente ao fronte de Castrelos, fundada no 63, coa colaboración dos seus irmáns e mais de Darío Xohán Cabana (entre o 71 e 75). Tanto o autor chairego como Xosé María Álvarez Cáccamo, fillo do escritor e editor, lembran que a produción de Castrelos ía moito máis alá das canles de distribución convencionais: “A colección O Moucho chegou a distribuírse en 240 puntos de venda, algo impensábel na época... e mesmo agora”, afirma Cáccamo.

Ferrarías e pequenas tendas de aldea distribuían aqueles libriños “do pobo e pra o pobo”. Os libros son os que se dirixen á xente, os que saen á rúa, á conquista de lectores: unha furgoneta espállaos por feiras, romarías e prazas dalgunhas vilas. Para Celso Álvarez Cáccamo, O catecismo do labrego, de Valentín Lamas Carvajal (o primeiro “moucho”) foi, se cadra, xa non o primeiro libro en galego, senón o primeiro libro de vez, en entrar en moitos fogares galegos.

Proba desta vontade divulgativa son o inmenso esforzo pola distribución, o prezo popular (30 pesetas), a preocupación polo deseño atractivo (formato pequeno e manexábel, coa feitura da Serigrafía Galega que dirixía seu irmán Álvaro, e o familiar labrego de Pedro Bofill na portada), e a escolla de relatos populares, fondamente vencellados á tradición oral (dende traducións dos folkdramas de Yeats até as súas recompilacións de cantares de cego, cantigas do viño ou epigramas). Tamén a colección Pombal serviu para divulgar os títulos máis importantes da nosa literatura, dende Follas Novas, de Rosalía, até Celso Emilio Ferreiro, escolmas de cantos de Nadal, Aninovo e Reis, de poesía medieval, ou mesmo traducións de clásicos como Antígona ou a Ilíada.

Xogar coa Linguaxe

A este labor pedagóxico sumábaselle a súa creatividade literaria, marcada por unha particular vontade de experimentar coa linguaxe e cos xéneros, de darlles a volta ás palabras, construír novos significados ou novas identidades. Na liña do grupo OuLiPo (Ouvroir de Littérature Potentielle) que fundou Raymond Quenau nos 60, fai tamén exercicios de estilo coa súa creación: recolecta epigramas, recrea o estilo das cantigas de arrolo ou de xogo para a súa filla maior, inventa apócrifos, heterónimos e pseudónimos, e mesmo nos últimos anos da vida xoga, nas noites de insomnio, a facer anagramas con antropónimos como Afonso Daniel Rodríguez Castelao (“Estrela zodiacal: guiador noso na fe”) ou o de seu irmán, Darío Álvarez Blázquez (que deu o fermoso resultado: “Voz leal que diz: abrazar”). Podemos consultalos no Caderno Grial das Letras, que inclúe o texto inédito “A mensaxe secreta dos nomes”, cunha análise de Gonzalo Navaza, “Anagramática, Unha aventura estética”.


O interese pola onomástica foi unha constante: Álvarez Blázquez xogou tamén coa pseudonimia (Celso de Baión, empregando como alcume un topónimo de Vilagarcía onde pasaba os veráns na nenez), para publicar un “moucho” que, co título Os nomes da terra, achegaba simpáticas hipóteses sobre a orixe etimolóxica da toponimia galega: así, recolle a lenda que lle atribúe á expresión “Virxe santisma, vén e valme!” a orixe do microtopónimo de Bonaval, en Compostela, pronunciada polo reo Xohán Tuorum cando camiñaba cara á forca. Outra achega ben chusca é a que apunta á orixe do topónimo Fonsagrada, nado cando unha muller chamada Fonsa gradaba na eira, ou que Caldelas vén da pregunta “Cal delas?” dun señor ao mozo que lle pedía a man dunha das súas fillas.


A máxima expresión deste concepto lúdico da literatura está no maior calote das nosas letras: o 28 de decembro de 1953 (data xa significativa), nun libriño editado por Monterrey, Xosé María Álvarez Blázquez aparece só como responsábel da edición e do limiar de oito cantigas copiadas por un suposto frade bieito, Ramón Pazos, aló por 1671, e atopadas no Mosteiro de Monfero. O Cancioneiro de Monfero, como lembra Alonso Montero, chegou a entusiasmar a estudosos como Florentino López Cuevillas. “Xa temos catro!”, exclamou nunha ocasión, facendo referencia ao novo achádego: coñecíase xa a nosa tradición lírica medieval da man dos cancioneiros de Ajuda, o da Biblioteca Vaticana e o Colocci Brancutti.


A particularidade das pezas do Cancioneiro de Monfero era que non aparecían repetidas en ningún dos Cancioneiros anteriores. Amais, Álvarez Blázquez era experto no léxico e na métrica daquelas composicións. Con todo, a brincadeira foi efectiva e el mesmo tivo que aclarar, días despois, que se trataba dunha broma, dun xogo literario máis, bastante máis alá das achegas ao neotrobadorismo de Cunqueiro ou Bouza Brey. Nesa vontade pedagóxica entraba tamén a capacidade de xogar coas letras, de recuperar estilos e reciclalos, de darlle a volta á linguaxe ou de transgredir o academicismo e difundir orixes “etimolóxicas” da toponimia que tiñan máis que ver co fervente imaxinario popular que coa onomástica. Ao cabo, o seu labor foi devolverlle ao pobo o que sempre fora del: as palabras.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil