Redacción . O trío poético musical composto pola poeta Eva Veiga e os músicos Bernardo Martínez e Fito Ares leva a poesía galega por Latinoamérica co seu espectáculo 'De amor e morte'.
Ouriol
Un recital na Casa de Galicia de Madrid será o punto de partida para Ouriol, que a seguir marchará á Feira Internacional do Libro de Montevideo. Actuarán tanto no recinto da Feira como no Centro Galego e na nova sede do Patronato da Cultura Galega de Montevideo, tanto con De amor e morte, un percorrido a través destas temáticas pola poesía galega de todos os tempos, como con recitais específicos, sobre a poesía do exilio e da emigración (Lorca, Manuel Antonio, Lorenzo Varela, León Felipe, Pedro Salinas ou Luis Cernuda).
Despois, Ouriol actuará en Bos Aires, en varios locais con actividade regular da colectividade galega, como o Colexio Santiago Apóstolo, onde o alumnado recibe clases regulares de galego, ou na sala Arturo Cuadrado da Federación de Asociacións Galegas de Bos Aires, onde, en paralelo ao recital, o pintor Alfonso Costa realizará un mural que será doado á Federación, como recoñecemento da acollida que a cidade porteña lles rendeu aos artistas galegos. E na sala Alfonsina Storni do mítico Café Tortoni, que acollera as tertulias de Blanco Amor ou Luís Seoane, o grupo pechará co seu recital un encontro do colectivo dos Lectores Galegos de Bos Aires, no que participará tamén o escritor Santiago Jaureguízar. Amais, o grupo poético musical levará un espectáculo centrado nos versos de Valle Inclán á libraría Fredo, no barrio de San Telmo.
Ouriol constituíuse no 2000, como confluencia das diversas traxectorias creativas dos seus membros: a capacidade expresiva da poeta e comunicadora Eva Veiga, responsábel da selección poética de todos os espectáculos do grupo, foi dar coa sensibilidade e a axilidade improvisatoria de dous músicos con ampla experiencia no mundo do jazz e da música para teatro, "xerando unha feliz combinación onde a palabra e a música van da man para transmitir con enorme forza a verdade da poesía dos máis variados autores e momentos". Despois de actuar en numerosos lugares de toda Galiza, atravesa o Atlántico "para rencontrarse cunha comunidade ávida de manterse unida á cultura da que provén, sen darlle as costas á súa cultura de acollida".
Montevideo:
Bos Aires: