PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Será editado no último trimestre do ano
O 'González Garcés' de Poesía, para Eduardo Estévez

Redacción .  A obra 'Construcións' foi a gañadora da XIV edición deste premio de poesía, presentada baixo o lema Ramón Caaveiro. O autor xa obtivera un accésit neste certame no 97, con 'Só paxaros saíron desta boca'.

Reloxo 27.05.2008 | 19:10

Eduardo Estévez Eduardo Estévez

O presidente da Deputación Provincial da Coruña, a entidade que convoca o premio, Salvador Fernández Moreda, deu a coñecer a resolución do xurado, que escolleu por maioría a obra entre as 55 presentadas ao concurso. Tamén outorgou un accésit, con carácter de finalista, á obra Cabalos de alén na cidade das fábulas.

O premio está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora (serán editados 1.500 exemplares), que pasará así a formar parte dunha colección que xa integran 25 títulos (entre eles, algúns de Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Álvarez Torneiro, Estevo Creus, Román Raña, Xulio L. Valcárcel ou Xosé María Álvarez Cáccamo). Segundo o voceiro do xurado, Manuel Forcadela, o xurado debateu moito pero finalmente premio Construcións pola "contemporaneidade da súa escrita e a aposta do autor pola renovación da nosa tradición estética".

O comisario do premio, Xabier Seoane, salientou a elevada participación nesta edición e o prestixio das persoas integrantes do xurado (amais de Fernández Moreda e Forcadela, Caridad González Cerviño, deputada responsábel de Cultura, Luz Pozo Garza, Medos Romero, Manuel Álvarez Torneiro e Gonzalo Navaza), Seaone subliñou tamén a variada estética das obras presentadas, "o que demostra a boa sáude da poesía galega, tanto nos aspectos técnicos e formais como de contido".

Unha vizosa traxectoria, a unha beira do Atlántico e á outra

Eduardo Estévez, nado en Bos Aires no 69 e residente na actualidade na Coruña, publicou Catedrales de perfil no seu Bos Aires natal no 90. Seguiulle Ya tan deshabitado, catro anos despois, editado en Venezuela. Xa en Galiza, no 97, obtivo o accésit deste premio con Só paxaros saíron desta boca, A seguir viñeron os poemarios Lúa gris (finalista do Premio Tívoli Europa 1999), Os veos da paisaxe (2000), Caderno apócrifo da pequena defunta (XV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, no 2003), e Derrotas, (VI Premio de Poesía Concello de Carral, 2002).

A seguir escribiu Postais, en colaboración con Carolina Erlich, e Mapas para describir a ausencia, os dous editados na web no 2005. Ese mesmo ano, na colección Poeta en Compostela, editada polo Correo Gallego, a AELG e a Concellaría de Cultura da cidade, publicou Itinerarios, unha "antoloxía coral" da súa poesía, a cargo de Estevo Creus, Marta Dacosta, Celso Fernández Sanmartín, María Lado, María do Cebreiro, Antía Otero, Baldo Ramos e Rafa Villar.

Amais foi membro do consello editorial de Letras de Cal e Retagarda Edicións, traduciu ao castelán aos poetas brasileiros Cecília Meireles, Affonso Romano de Sant'Anna e Chico Buarque, ao portugués Nuno Júdice e aos galegos Xosé María Álvarez Cáccamo, Xavier Rodríguez Baixeras, Xela Arias e Manuel Forcadela. Os seus textos poden tamén lerse en revistas como Dorna, da USC, ou A Revista de Vilagarcía de Arousa, ou en dEfecto 2000. Antoloxía de poetas dos 90 e mais noutras publicacións colectivas.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río