Redacción . A Mesa Pola Normalización Lingüística anunciou hoxe que o Consello das Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado empregará os expedientes de queixa remitidos por esta entidade para avaliar o grao de aplicación en Galiza da normativa vixente en materia idiomática.
Carlos Callón, voceiro da Mesa pola Normalización.
O presidente da Mesa, Carlos Callón, mostrou a súa "satisfacción pola predisposición positiva manifestada polo Goberno español" e confiou en que este "adopte con dilixencia as medidas correctoras".
Todos os expedientes de queixa facilitados ao Consello das Linguas Oficiais foron tramitados a partir de reclamacións achegadas pola cidadanía na 'Liña do Galego', no teléfono 902 10 64 74 ou na dirección de correo electrónico linhadogalego@amesanl.org.
A Mesa explicou que as comunicacións de queixa remitidas facían referencia, entre outros asuntos, a casos "en que órganos da administración periférica en Galiza non ofreceron atención en galego a pesar de serlles solicitada".
Así mesmo, tamén se informou sobre páxinas web de organismos estatais en que non se ofrece a versión en galego ou nas que a documentación non está dispoñíbel nesta lingua.
Descargar Tarifas