Redacción . A Oficina Económica do Presidente do Goberno convocou para o 24 de xullo un grupo de expertos para coñecer a súa opinión sobre a actual situación da economía. Os expertos son analistas que ademais colaboran en organismos e tamén representantes dos bancos.
Entre eles poderían atoparse os directores de conxuntura e estatística da Fundación das Caixas de Aforros (FUNCAS), Ángel Laborda, e do Instituto de Estudos Económicos (IEE), Juan Iranzo. Ademais, tamén poderían asistir representantes dos bancos Santander e BBVA, de Caja Madrid e de Caixa Catalunya, da Asociación Española de Banca (AEB), da petroleira Repsol ou do grupo cementero Cemex.
Cómpre apuntar que o próximo día 24 o Instituto Nacional de Estatística (INE) publica os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do segundo trimestre de 2008, con datos previsibelmente pouco alentadores.
Medidas adicionais
Pola súa banda, o martes 22, o ministro de Traballo e Inmigración, Celestino Corbacho, comparecerá de forma extraordinaria no Congreso dos Deputados para informar sobre as medidas adicionais que o Goberno adoptará en 2008 ante as repercusións da crise económica sobre o emprego.
De crise e de medidas tamén falará no Congreso, e de forma extraordinaria, o vicepresidente segundo e ministro de Economía e Facenda, Pedro Solbes, o próximo día 28 de xullo.