Lara Rozados . Do galego a outras linguas e viceversa. O próximo ano seguirán este camiño cando menos 120 obras literarias. Cómpre reflexionar xa sobre o estado da importación e exportación nas nosas letras.
O pasado martes 30 de setembro a Consellaría de Cultura celebrou o Día Mundial da Tradución, coincidindo co patrón da tradución e interpretación, San Xerome. Con esta ocasión foi homenaxeada unha das figuras máis importantes da disciplina en Galiza: Valentín Arias (Sarria, 1934). Arias, fundador en 1984 da Asociación de Tradutores Galegos, recibiu o premio Ramón Cabanillas de Tradución, e o Premio de Tradución Xuvenil do Ministerio de Cultura. Da súa man, temos en galego obras como A volta ao mundo en oitenta días, de Jules Verne, O estranxeiro, de Albert Camus, e A fractura do miocardio, de Jacques Fansten. Tamén traballou no equipo que traduciu O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha, e publicou numerosos artigos sobre a tradución e a función do tradutor, en especial en países con linguas minorizadas. Na homenaxe, que tivo lugar no Auditorio do Centro Cultural Caixanova de Vigo, Arias remarcou a importancia da tradución como ferramenta normalizadora: “non se trata de porcentaxes; estamos nun momento en que a xuventude está educada no galego, manexa a lingua e non ten xa complexos lingüísticos”. Pero esta mocidade xa formada precisa un corpus de traducións accesíbel. É necesario, xa que logo, “pór a disposición dos lectores as cousas importantes que se escriben segundo van saíndo, ao mesmo tempo que a versión en castelán”. Máis axudas A Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural triplicou as axudas con respecto a hai tres anos, e agarda que a actual convocatoria sirva para beneficiar 120 libros ao longo do próximo ano, tanto para editar en galego textos orixinarios doutras linguas como para traducir obras en galego. Amais, este ano creou unha nova modalidade de axuda, dirixida ás probas de tradución, e destinada á elaboración de fragmentos que poidan servir como mostra á hora de exportar a literatura galega. A difusión exterior é unha das principais frontes de acción, como manifesta o interese en asistir ás feiras do libro internacionais. Por outra banda, cada vez son máis as editoriais especializadas en tradución (velaí editoras como Rinoceronte ou Urco), ou proxectos como as coleccións específicas de Sotelo Blanco, Faktoría K (responsábel de que teñamos en galego O neno do pixama a raias, de John Boyne, ou Lolita, de Nabokov), ou a decidida aposta de Galaxia, coa colección Biblioteca Compostela de Narrativa Europea. No campo, especialmente frutífero para as traducións, da literatura infantil e xuvenil, Kalandraka ou OQO editan en varias linguas, Do Cumio traduce tamén para o galego obras para primeirísimos lectores doutras literaturas, e mesmo cómic manga yaoi. E en canto á tradución do galego para outras linguas, a propia Rinoceronte ten a colección Inversa. Máis que as “porcentaxes”, como indica Arias, cómpre examinar as causas. Cambiaron as motivacións para traducir? A intención, ao se profesionalizar a tradución, xa non se centra no afán de “cubrir ocos”, senón en ofrecer en galego obras de referencia da literatura universal, en igualdade de condicións con respecto ás linguas de orixe ou ás traducións ao castelán. Velaí o esforzo por conseguir que as traducións de Paul Auster saian ao mercado editorial galego case “en tempo real”. Precisamente a artífice de que poidamos ler Un home na escuridade case ao tempo que se edita na lingua orixinal, a tradutora Eva Almazán, distingue entre diferentes criterios: o comercial e o cultural, ou a literatura de consumo fronte á de calidade. “Traducir un best seller non lles impide aos editores traducir unha obra canónica... Nin aos lectores lela”. Por unha parte, como tamén acontece coa tradución de certas obras en galego para fóra, existen fenómenos editoriais “de masas” que levan canda si presenza mediática e, dende logo, puxan polos lectores (e polas vendas). Best sellers como a serie de Harry Potter xa entraron no noso sistema editorial, un factor clave para non “perder o tren”. Pola outra, ponse sobre a mesa a necesidade de importar obras de calidade. Algo está a cambiar na tradución do noso para fóra. As tendencias eran bastante constantes: os clásicos, dende Rosalía a Cunqueiro ou Ferrín; fenómenos de venda, como Manuel Rivas, Suso de Toro ou Teresa Moure; ou o xénero traducido por excelencia, a literatura infantil e xuvenil. Amais do xa mencionado proxecto de Kalandraka, contamos xa cunha nómina de autores e autoras de certo prestixio que xa se poden ler en castelán, catalán, vasco ou mesmo en inglés, como Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, An Alfaya, Neira Cruz... Abonda con botarlle un ollo ao Index Translationum, da UNESCO, para observar a frutífera exportación da nosa literatura para os máis pequenos. Hai interese en publicar obras en galego, mesmo autores que comezan a publicar agora, como Samuel Solleiro ou Alberte Lema, teñen a súa obra traducida en Lengua de trapo e Caballo de Troya, respectivamente. En Europa, hai editoras que apostan por traducir dende linguas minorizadas, como a italiana Gran Via Edizioni, na colección “M30”: dende Suso de Toro até María Reimóndez. A galesa Planet Books interésase pola obra de autores galegos innovadores: xunto co Obradoiro de Tradución do Centro de Estudos Galegos de Oxford, dirixido por John Rutherford, publicou a escolma de relatos de Ferrín Them and other stories. Neste sentido, cabe salientar o labor académico. Outro exemplo salientábel é Erín Moure, dende Canadá, tradutora de Chus Pato ao inglés.
Paul Auster.
Prestixio ou oferta para os lectores?
Exportar ficción propia
Atópanse aínda feblezas propias, en parte, da situación de subalternidade da lingua. A tradutora Ana Luna Alonso apunta nun artigo publicado en Grial, número 167, titulado “Un intercambio desigual”, que moitas das traducións que se realizan do galego para outras linguas parten do castelán, mesmo en ocasións ignorando a lingua orixinal en que se redactaron os textos. Esta canonización da nosa literatura a través do castelán carrexa o risco da perda de identidade, e obedece a unha relación de dominación simbólica: “o sistema que se sente débil actúa con humildade fronte ao hexemónico”. En ocasións, para chegar a outros sistemas literarios, pásase aínda polo filtro do castelán.
E pola contra, é moito máis reducida a relación co sistema editorial veciño: aínda quedan pontes por tender sobre o Miño neste sentido. Hai experiencias editoriais, como a portuguesa Deriva, especialmente interesadas nas literaturas chamadas periféricas, como a galega, a irlandesa ou a bretoa, e tamén editoras galegas (poucas) que publican, cando menos, libros que optan pola norma reintegracionista, pero, con todo, volvendo a Luna Alonso, “sorprende a ínfima repercusión que ten a literatura galega en portugués, tendo en conta que Portugal é un dos estados europeos que máis literatura importa, xunto con España, Italia, Dinamarca e Suecia”. A tradutora sinala que houbo que agardar até os 90 para atopar a nosa literatura en portugués (con Bretanha Esmeraldina, de Ferrín, traducida por José Carlos González e publicada por Bertrand Editora). Convivencia entre literatura de consumo e literatura de calidade, independencia con respecto ao castelán como motor de proxección, e apertura cara a outros mercados próximos parecen, logo, os grandes retos da tradución para o futuro.
Descargar Tarifas