PUBLICIDADE
Xoves, 28 de agosto de 2008
Ten que devolver 700.000 euros
O final de Prado Villapol, ex alcalde do Vicedo

Antonio Cendán As últimas sentenzas da Xustiza veñen confirmar o alto nivel de corrupción que viviu a localidade mariñá do Vicedo durante máis dun cuarto de século, concretamente entre 1975 e 2001, época na que ocupou a súa alcaldía Isaac Prado Villapol, médico deste concello que se sitúa nunha fermosísima e entrañábel paraxe, a cabalo entre a ría do Barqueiro e a de Viveiro.

Reloxo 19.07.2008 | 07:35

Prado Villapol,. comparecendo en 2000 na Audiencia de Lugo Prado Villapol,. comparecendo en 2000 na Audiencia de Lugo. Xose Marra Nos 26 anos que foi rexedor do Vicedo, Prado Villapol foi o alcalde galego que acumulou un maior número de condenas, até un total de catro. Todas elas por distintos motivos: prevaricación, falsidade documental, malversación e ameazas de morte ao que fora fiscal xefe da Audiencia Provincial de Lugo, Xesús García Calderón, que instruíra o primeiro sumario relacionado coas súas irregularidades ao fronte da alcaldía do Vicedo.

 
O ex-mandatario vicedense cobraba 15.000 pesetas (90 euros) tan só por ir ao concello que presidía, a máis doutras dietas por desprazamentos a Madrid, onde se aloxaba en hoteis de cinco estrelas.
 
O rexidor chegou a cambiarlle o nome a rúa principal da localidade. Pasou a denominarse Prado Villapol en vez de Xeneral Franco. Un troco ben simbólico e que reflicte a situación vivida polos vicedenses ao longo de 26 anos.
 
Aínda que mantivo un férreo control sobre o concello e os seus conveciños, as cousas comezaron a virárselle a partir de 1999. O partido no que militara até daquela, o PP, decidiu prescindir da súa figura para as derradeiras eleccións municipais do século XX, ante as constantes irregularidades que presentaba a súa xestión. Até 1999 Isaac Prado sempre gobernara sen ningún tipo de oposición, ao non concorrer ningunha candidatura os comicios locais. Nese ano, ante a negativa dos populares para que encabezase a súa lista, presentou unha candidatura independente que acadaría a maioría absoluta, da que tan só puido disfrutar dous anos, xa que en 2001 foi procesado por varios delitos. En xaneiro dese ano dimitiu do cargo ante a presión dos viciños e o cúmulo de denuncias que se acumulaban nos xulgados.
 
Apenas oito meses despois da súa dimisión, en agosto, ingresou no cárcere de Bonxe na que permaneceu seis meses, até febreiro de 2002. Prado Villapol abandonou a cadea por “padecer unha enfermidade dexenerativa”, segundo o seu avogado.
 
As últimas sentenzas da Audiencia Provincial de Lugo, que o obrigan a reintegrar case 700.000 euros ao Concello do Vicedo non veñen máis que confirmar os rumores sobre o seu mandato como alcalde. Non son poucos os veciños que opina que “o mellor é esquecelo para sempre, pero que devolva os cartos”. Se esa cantidade se houbese investido na promoción turística da localidade e na dotación de servizos axeitados, O Vicedo estaría quizais ateigado de turistas que buscan a tranquilidade á beira da súa ría, no incomparábel marco do Barqueiro. E se non que llo pregunten aos escasos veraneantes vascos que cada ano encontran este pobo case que por casualidade.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil