Redacción . Co lema Crea(c)ción en Aberto, a segunda edición do Festival une o espírito de creación innovadora á aspiración de ser un festival aberto á cidadanía, aos axentes sociais e culturais da cidade.
A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentaron onte na compostelá Praza do Toural a nova edición do Festival dos Abrazos, a mostra da creación contemporánea local e internacional que espallará ao longo do mes de agosto preto de 150 innovadoras propostas artísticas polas rúas e prazas da cidade. O acto contou cunha "alborada" dende o balcón do pazo de Bendaña a cargo do Arsys Quartet, que deu paso ao abrazo colectivo organizado por Tangatutanga Teatro. Programa Chega de novo unha proposta multidisciplinar: música, danza, circo, clown, teatro, artes plásticas, cine, e experimentación convivirán ao longo de 31 días de concertos, representacións, exposicións, proxeccións, obradoiros, conferencias e espectáculos. Segundo anunciou a concelleira, o luns será o día da arte experimental, o martes collerán o relevo os (neo)trobadores, o piano será o protagonista os mércores, e os xoves a música de raíz poboará os recunchos de Compostela. "As fins de semana haberá obradoiros, arte dixital e unha aproximación innovadora ao patrimonio da Igrexa. Entre medias, de xeito transversal, clown, circo, maxia, danza, audiovisual e artes plásticas". Non ha faltar, cada semana, un abrazo entre as culturas do mundo, representado en proxectos de sona internacional como o Stockholm Lisboa Project, o Kora Jazz Trío, Oreka TX ou a Orquestra Chekara. Outra proposta de calado internacional será a visita da Orquestra Sinfónica e máis do Coro de San Petersburgo, os días 18 e 19 de agosto. A apertura do Festival correrá a cargo da Real Filharmonía de Galicia, que ofrecerá un concerto nun dos espazos máis emblemáticos da cidade, a Praza da Quintana. Novidades Cabe salientar que este ano se incorporan novos axentes á programación do festival: aCentral Folque, a SGAE, que traerá propostas do resto do Estado español, sumándose aos que xa participaban: Curtocircuíto, co ciclo de curtametraxes, e a Asociación Cultural Cidade Vella, que programará concertos e outras actividades nas rúas da zona vella. Finalmente, o director xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, informou que unha das principais novidades da edición de 2009 será a inclusión da sección Abrazos Off, "unha sección aberta que lles dará aos novos artistas a oportunidade de amosar ao público as súas propostas máis arriscadas e novidosas, e poderán presentarse proxectos de calquera disciplina artística ou linguaxe creativa", aínda que advertiu que "serán especialmente valorados os proxectos de disciplinas e linguaxes menos habituais na escena galega, coma artes efémeras, intervencións plásticas sobre o espazo patrimonial, etc”. As bases completas pódense consultar na web www.festivaldosabrazos.org e o prazo de entrega remata o día 20 de xullo.
Imaxe do II Festival dos Abrazos
Descargar Tarifas