PUBLICIDADE
Martes, 08 de xullo de 2008
O esquelete do celtismo
A Balaídos van uns 6.000 seareiros. Des que vou ao campo é a cifra máis baixa con diferenza. Coincide co intre máis delicado do equipo en 25 anos. Pero xustifica a situación deportiva o abandono en masa do celtismo?
 06.05.2008 | 08:50

Balaídos ten cada domingo practicamente catro quintas partes da súa capacidade baleiras. Todos os seareiros que van ver o Celta caberían ben na bancada de Río e sobraría espazo. É máis: nalgunha viaxe, por exemplo ao Santiago Bernabéu, acudiron máis celtistas.

Desde o meu punto de vista, Balaídos estas tres últimas tempadas foi unha especie de inferno para o Celta e os celtistas. Algo así como un campo de adestramento dos boinas verdes: só os máis fortes resisten, tanto no céspede como nos asentos.

Visto está que os xogadores e os técnicos non puideron co ambiente. Fernando Vázquez volveuse tolo entre asubíos e apupos. Futbolistas como Fernando Baiano acabaron cheos de pitadas incluso cando marcaran gol. A treboada de descontento alimentábase da decepción deportiva pero, ao mesmo tempo, foi causa do desánimo do equipo até converter cada partido nunha tortura.

O descenso tomouse en Vigo como un punto á parte na comuñón entre cidade e club. Se ben noutras cidades as crises deportivas enxendran unha corrente de simpatía, orgullo e compromiso na afección: en Donosti este ano, en Pamplona cando o Osasuna descendeu a mediados da década do 1990, en Sevilla..., no sur de Galiza sucedeu o contrario.

En realidade, este proceso comezara no anterior descenso. Os seareiros abandonaron Balaídos e só unha hábil política de rebaixas nas entradas da directiva entón liderada por Horacio Gómez evitou o triunfo do cimento. Foi aquela tempada "uruguaia" na que Canobbio marcaba goles e daba pases maxistrais ao son dos tambores dos centos de compatriotas seus que sentaban en Preferencia grazas aos xenerosos descontos.

Carlos Mouriño optou por outra política e fracasou. Talvez a filosofía era acertada: non regalar entradas para non crear agravios comparativos cos socios que pagan a súa cota o ano enteiro. Pero a aplicación práctica é desoladora. 6.000 afeccionados son moi poucos, incluso para un equipo vencido e ao final dun campionato que vai ser lembrado como un dos máis frustrantes da historia.

Mais o peor é que cada vez que entro no frío Balaídos teño a sensación de estar nun templo en ruínas, nun campo de batallas antigas que hoxe parece incluso prescindíbel para Vigo e o celtismo. E fago unha pregunta: Acabará Balaídos cerrado por falta de equipo que o encha? Estamos a vivir o ocaso do Celta? 

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
 
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil