Hai un ano tiven a fortuna de compartir mesa e mantel con Gumersindo Lafuente, nun congreso sobre a sociedade a Rede no que el falaba do proxecto soitu.es, pioneiro dun novo e mellor periodismo na mente de todos os que alí estabamos.
Recordo os comentarios de Lafuente sobre os retos do modelo de ingresos e da financiación durante os cafés... 22 meses despois de iniciar a súa andaina en soitu.es, fillo pródigo dos adoradores da disrupción do status-quo combinando Rede e sociedade (coma un servidor), pechou por falta de cartos.
Poucas semanas antes, ao outro lado do Atlántico, Business Week, talvez a revista económica por antonomasia, cambiara de mans por “catro cans” ante a incapacidade do dono -MacGrawHill; o novo é Bloomberg- de obter beneficios e eliminar así as débedas crecentes.
No meu Google Reader aparecía a sección “Vida Digital” de soitu.es, e no meu novo trebello móbil os podcasts de Business Week eran (e son) un fixo no paseo á oficina. Na miña faciana segue a sorpresa, porque caen os novos e dobran o xeonllo os veteranos, nun escenario aínda non de todo definido.
Imaxino os directores e donos da prensa ante a caída dos ingresos por publicidade, preguntándose cal é o camiño a seguir para perdurar nesta nova realidade cada vez máis teimuda e cruel coa tradición dos medios, en especial cos impresos.
Porén, en Galicia rexurdiron unhas cabeceiras, como a nova ANT onde acollen este meu blog, e apareceron outras, coma Xornal. Descoñezo cal é a situación económica, tanto dos que estaban coma dos que chegaron sen invitación a unha festa con trazas de pasamento.
O dilema, de tradición versus innovación, do antigo fronte ao novo, segue sen resolver ante a falta dun novo modelo sostíbel no económico. Ante a seguridade do cambio como o único inmutábel, sobreviven os máis flexíbeis para adaptarse a el, ou iso contan...
E eu só teño preguntas: Ten futuro a prensa de pago tal e como a coñecemos? Como debería ser e como podería obter ingresos o periódico do futuro cercano? Camiñamos cara a algún tipo de modelo autoxestionado de produción e difusión de novas?
Descargar Tarifas