Antonio Cendán . Na maioría das zonas agrarias só se practica o fútbol a pesar de que existen outras moitas potencialidades
Un día calquera na localidade de Muimenta, no concello de Cospeito, ou se cadra algo máis dun quilómetro ao norte, na Ponte de Outeiro, en Castro de Rei, uns rapaces xogan ao baloncesto nunhas escangalladas canastras que mesmo parecen ser un adorno máis de ambas localidades. Tanto as instalacións das que dispoñen estes mozos coma eles mesmos son tan só un exemplo de como se vive o deporte no ámbito rural galego, que ao igual que a mocidade, pasa por momentos críticos. Os lugares para practicalo son escasos, pero ademais diso encóntranse en moi mal estado. Moitas veces os recintos deportivos redúcense ás dependencias das que dispoñen os centros educativos ou a material instalado hai xa máis de dúas décadas e que non conta con máis mantemento. Desaproveitamento Aínda que os lugares por onde pasa o Miño, no seu primeiro treito, nos concellos de Meira, A Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei, poderían ser idóneos para a práctica do piragüismo ou de calquera outro deporte fluvial, esta é unha posibilidade desaproveitada. Nos restantes puntos de Galicia por onde atravesa este río sucede outro tanto, agás áreas moi concretas como pode ser a capital luguesa ou Tui. Bótase a perder así unha potencial canteira de campións, nun deporte que, ben organizado, coma ocorre en Tui, podería dar os seus froitos. Só fútbol Aínda que nalgunhas localidades, entre elas Ferreira do Valadouro, inauguráronse hai anos eventos tan espectaculares para os máis pequenos coma unhas impresionantes piscinas, de dimensións olímpicas, o deporte que acapara en exclusiva as oportunidades é o fútbol ou os seus derivados como o fútbol sala. De feito, na tempada 2004-05 un equipo de Láncara, o Móbeis Caloto, acadou o ascenso a División de Honra, aínda que remataría sucumbindo ante o elevado custo da competición. Os triunfos deportivos, agás no fútbol, son moi contados. No deporte do balón pesa a falta de proxección que teñen moitos dos seus practicantes, o que provoca abandonos en idades prematuras. Outra excepción constitúea o equipo feminino de fútbol de Friol, que xoga no grupo I Primeira Nacional, equivalente a segunda categoría. Este equipo subsiste grazas ao apoio do Concello friolense e a unha empresa local. Nas áreas rurais onde xa non queda xente nova, xorden os equipos de fútbol de veteranos, maiores de 40 anos, que acaparan unha gran parte das subvencións locais. Nalgúns lugares creanse torneos para vellas glorias, un fenómeno que vai en aumento, mentres a xente nova estuda ou emigra. Respecto ao deporte de competición, agás algúns casos concretos, como os de localidades costeiras nas que se prodigan traiñeiras ou a vela, o resto redúcese ao fútbol, tanto no campo coma en pavillóns. Nalgunhas localidades nin sequera queda o “deporte rei”. A súa única lembranza constitúena as vellas porterías inzadas de maleza. Eventos En casos singulares os concellos esfórzanse para que o deporte non decaia promocionando eventos deportivos que duran como moito un día. Este tipo de espectáculos faise, por regra xeral, con deportistas de fora ou aproveitando que na localidade existe algún deportista destacado. Así, o Concello de Guitiriz organiza todos os anos o seu tradicional duatlon, incluído dentro do circuíto galego da especialidade. O seu pavillón de deportes acolle ademais partidos da selección feminina de fútbol sala. Outra das excepcións encóntrase no concello das Neves, onde grazas a Federación Galega de Bádminton, este deporte está a acadar unha gran popularidade. Esta institución, que preside Rodrigo Sanxurxo, trata de introducir esta modalidade deportiva nos centros educativos de Galicia. Outros eventos que acollen moitos concellos, normalmente por unha cita festeira, son as probas ciclistas ou tamén as concentracións de motociclismo, estas últimas non sempre ben vistas por todos os veciños.
Atlético Melide feminino
Descargar Tarifas