Redacción . A economía española creceu un 2,7% no primeiro trimestre do ano, oito décimas menos que nos últimos tres meses de 2007, segundo o avance da Contabilidade Nacional Trimestral publicado hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). O dato sorprendeu negativamente xa que os analistas e o Banco de España esperaban un incremento do PIB do 2,8%. O vicepresidente segundo do Goberno, Pedro Solbes, fala de 'desaceleración rápida'.
Pedro Solbes, ministro de Economía
O ritmo de crecemento interanual é o máis baixo desde o cuarto trimestre de 2002, cando o PIB aumentou tamén un 2,7%. Ante estes datos, o INE sinala que a economía española prosegue a senda de desaceleración que iniciou no segundo trimestre de 2007. O organismo estatístico atribúe a moderación no ritmo de avance do PIB á menor contribución da demanda interna, que se viu parcialmente compensada por unha achega menos negativa do sector exterior.
En comparación co trimestre anterior, a economía rexistrou un crecemento do 0,3%, o máis baixo desde o terceiro trimestre de 1995. Os analistas esperaban un incremento do 0,4%.
O vicepresidente económico, Pedro Solbes, sinalou que os datos pon de relevo que se está producindo unha "desaceleración rápida" respecto dos meses anteriores.
A retardación que vive a economía, motivada en gran parte pola freada da construción, levou ao Goberno a revisar as súas previsións macroeconómicas, ata situar o crecemento do PIB no 2,3% tanto para 2008 como para 2009.