Redacción . As carreiras a prol da lingua finalizaron hoxe en Verín e máis en Ourense, logo de ter percorrido 13 localidades. A oitava edición do Correlingua superou as expectativas dos organizadores.
Correlingua en Vigo, a mañá do 14 de maio. AGN
Verín, con 1.500 participantes, e Ourense, con 3.000, acolleron hoxe a clausura da oitava edición do Correlingua. Ademais de correr a prol da lingua, os estudantes da comarca de Monterrei puideron presenciar a actuación do Xabarín.
Pola súa parte, en Ourense actuaron entre outros o grupo Chévere, co espectáculo que emula o “Pressing Catch”, e o grupo gañador de A Polo Ghit, os boirenses Sínefres. Antes de comezar a carreira, os participantes do Correlingua tamén tomaron parte da “Andaina pola lingua”, que consistiu nun paseo polas rúas principais da cidade das burgas.
O Correlingua chega a súa fin logo de recalar na Coruña, Ribeira, Ferrol, Foz, Vilagarcía de Arousa, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Salceda de Caselas, Monforte, Verín e máis en Ourense. Os organizadores, que proximamente presentarán un balance do Correlingua 2008, adiantaron que esta oitava edición resultou “todo un éxito”.