Redacción . Unha xornada máis, a chuvia non impediu que a oitava edición do Correlingua fose un éxito na cidade de Lugo. Máis dun milleiro de estudantes disputaron a carreira a favor do galego.
Imaxe de arquivo dun Correlingua. AGN
Con saída dende a Praza de Santa María, a carreira celebrada esta mañá en Lugo acolleu máis dun milleiro de estudantes de 30 centros de ensino da zona. Despois de disputaren a proba, que discorreu pola muralla, os máis de mil alumnos que se congregaban na praza presenciaron a lectura do manifesto, o espectáculo do grupo Chévere e máis as actuacións musicais.
Os organizadores cualifican de moi positiva a oitava edición en Lugo, “tanto pola asistencia dos participantes, como pola promoción das pancartas que presentaron”.
Derradeira semana
Logo de ter percorrido durante a última semana as rúas da Coruña, de Ribeira, de Ferrol, de Foz, de Vilagarcía e de Lugo, as consignas a prol do galego viaxan a Santiago, o día 12, a Pontevedra, o 13, a Vigo, o 14, a Salceda de Caselas e a Monforte, o día 15 e, por último, recalan en Verín e máis en Ourense, o venres, día 16.