PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Toni Lodeiro, experto en consumo consciente
'O consumo consciente non é unha utopía, é unha necesidade'

Lara Rozados Toni Lodeiro (A Coruña, 1978), vive en Sant Vicenç de Castellet (Barcelona) e a súa paixón é coñecer, divulgar e experimentar prácticas e estilos de vida que sexan, á vez que gozosos e saudábeis, sustentábeis e solidarios.

Reloxo 03.01.2009 | 08:29

Toni Lodeiro, experto en consumo Toni Lodeiro, experto en consumo

 Dende o 2001 dinamiza obradoiros, charlas e cursos sobre  consumo, alimentación, autoxestión da saúde ou educación emocional. A semana pasada estivo en Lugo, Compostela e A Coruña co obradoiro 'Consumir menos, vivir mellor'. Ten un libro homónimo (Editorial Txalaparta) que se pode atopar en librarías e tamén descargar de balde na rede.  
 
Cales son as principais dificultades que atopa unha persoa que queira consumir de xeito responsábel?
 
A primeira dificultade é a inercia: cambiar de hábitos sempre é custoso. Por outra banda, podemos sentir certa soidade: todo o mundo fai igual e sentímonos "a rara" do grupo. Existe aínda certa presión social se non respondes a certos costumes preestabelecidos: "como vas deixar ese traballo?", "cando pensas cambiar de coche?", "por que non tiras esa camisa, que está vella?" De aí que sexa importante asociarse, sexa para consumir produtos ecolóxicos ou para reivindicar cousas.
 
É posíbel consumir desta forma con estes horarios laborais, os estilos de vida acelerados...
 
Ás veces non hai moita saída, pero sempre podemos atopar xeitos de reducir o consumo: se non me vexo na necesidade de pagar os prazos para un coche novo non teño por que facer horas extras; se na familia decidimos facer un "amigo invisíbel" para que cada un de nós teña que facer un agasallo e non dez polo Nadal, aforramos moito tempo en compras. Na práctica, é difícil pedir unha excedencia , pero sempre hai por onde saír.
 
A ecoloxía ten tamén que ver coa xestión dos tempos e dos espazos...
 
Se compras un piso, xa estás atado a el de por vida; o tempo váisenos en desprazamentos, cando deberiamos tentar traballar onde vivimos ou ir vivir onde traballamos.
 
A sociedade relaciona as melloras de comunicación, transporte e desenvolvemento económico con progreso social...
 
Necesitamos cambiar de cinta a CD, de CD a MP3, e de MP3 ao novo formato que veña, e así sucesivamente, a mesma música que xa temos? O mesmo cabería preguntarse dos trens de alta velocidade: o problema é que os transportes non van rápido abondo, ou que realmente non ten sentido que nos teñamos que desprazar tanto? Temos vacacións curtas de máis e por iso recorremos ao avión para ir correndo dun lugar a outro.
 
Que ten que ver a saúde individual coa saúde social?
 
Segundo datos da U.E., un habitante de Bilbao perde un ano da súa vida pola contaminación do aire. Un habitante da Coruña con peor calidade de vida (fumador, por exemplo), que outro que viva en Barcelona máis san ten seme de mellor calidade, por exemplo. O estrés e a contaminación ambiental en que vivimos aféctannos a todos, mesmo hai cultivos ecolóxicos que se vén afectados por contaminación transxénica, pole que chega doutros cultivos. Non hai saída no individual, é necesaria unha mellora colectiva. Cuestións como o prezo da vivenda ou a xornada laboral, que son unha reivindicación de todos, afectan tamén á saúde individual. Non é unha utopía, é unha necesidade.
 
Existen novas formas de entender o traballo, o labor social das persoas e a remuneración do mesmo, como a renda básica... Fálenos un pouco delas.
 
O traballo é o elemento central das nosas vidas. Temos que facer por traballar en algo que nos guste. Iso é fundamental, pero tampouco é que o traballo o sexa todo: precisamos tempo para nós. A renda básica é quizais a reivindicación política máis axeitada de cara á liberación do tempo, para sermos máis donos das nosas vidas. Debería formar parte do primeiro plano das axendas políticas.
 
O consumo consciente ten tamén que ver con cuestións culturais, como a lingua en que se fabrican ou distribúen os produtos?
 
Non só se trata do tema lingüístico, hai moitas cuestións culturais implícitas: por que a xente nova non cociña fabas ou verzas pero si pasta e champiñóns, por exemplo. Ou por que seguimos medios de comunicación foráneos que nos allean da nosa situación máis próxima: nos telexornais fálase do estado das estacións de esquí ou dos aeroportos cando á maioría da xente non nos afecta. Por outra banda, sempre hai certa ideoloxía nos produtos: vémolo claro cos xoguetes. Podemos romper a cadea de valores que tentan transmitir regalándolles balóns ás nenas ou cociñas aos nenos, evitando xoguetes bélicos, pero o máis interesante é escollermos xoguetes polivalentes, que admitan o uso ao aire libre, compartido... E non que só permitan o consumo individual.
 
É posíbel tentar un consumo máis xusto dentro do supermercado?
 
Moito mellor que estar nun medio hostil, tentando facelo ben, é dirixirse a cooperativas de consumo, que agora xa hai cando menos nas sete cidades. Ou tendas de produtos ecolóxicos, onde é a propia tenda a que se preocupa de que os produtos sexan locais, producidos e distribuídos dun xeito xusto. Agora mesmo hai un debate no ámbito do comercio xusto arredor de se introducir produtos nas grandes superficies. Unha parte do movemento quere facelo, pero que un produto que sae do lugar de orixe como comercio xusto entre nunha grande cadea é contraditorio, porque o seu sistema de distribución é a antítese do comercio xusto.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río