PUBLICIDADE
Venres, 08 de agosto de 2008
Pasouse da reivindicación do 'L' á defensa da lingua
O Concello da Coruña asina o manifesto da Mesa

Rodri Suárez A Coruña vivirá o seu primeiro Día das Letras Galegas tras décadas de 'vazquismo', o que levou ao concello coruñés a adherirse ás propostas da Mesa pola Normalización Lingüistica. O seu responsábel na comarca coruñesa, Fran Rei, fala de avances para o galego na cidade pero tamén avisa de que persisten 'algunhas sombras' en concellarías ou na Universidade.

Reloxo 13.05.2008 | 13:47

Fran Rei, á dereita, responsábel da Mesa na Coruña Fran Rei, á dereita, responsábel da Mesa na Coruña

O Día das Letras Galegas de 2008 ten unha aura especial na cidade da Coruña. Por primeira vez tras case un cuarto de a século de'vazquismo' (nome co que se denominou a visión política do ex alcalde Francisco Vázquez e a súa contorna) a festa reivindicativa do idioma galego celebrarase lonxe da sombra do agora embaixador español no Vaticano, que encabezou durante lustros loitas xudiciais contra, por exemplo, a denominación oficial en galego da cidade, para a que el sempre usaba o artigo castelán 'La'. Tras o importante cambio que supuxo a perda da maioría absoluta do PSOE, o avance na normalización do galego na vida municipal simbolízase coa adhesión do concello ao manifesto da Mesa pola Normalización Lingüística co gallo do 17 de maio, “algo histórico” segundo as palabras do responsábel comarcal da Mesa na Coruña, Fran Rei, que presentou os seus actos a desenvolver na zona na Asociación Cultural Alexandre Bóveda.

“A mellora na situación do galego no Concello é clara, sobre todo nas concellerías que dependen do BNG, pero aínda así hai luces e sombras” comentou Rei, que dixo estar á expectativa da norma de uso que está en elaboración por parte do goberno municipal. “É o único concello que non a ten, como até hai dous anos era o único que non celebraba ningún tipo de acto polo Día das Letras” di Rei, que lamenta que “algunhas concelleiras do PSOE agora exprésanse en español cando antes con outras funcións máis culturais eran galegofalantes”.

O portavoz da Mesa na Coruña tamén fixo referencia ao pleno municipal do luns, 12 de maio, no que o alcalde Xavier Losada (antes man dereita de Vázquez, co que agora está enfrontado) pediulle á cidadanía que festexase o 17 de maio e no que se expresou integramente en galego, algo pouco habitual. “Non podemos máis que valorar positivamente esta actitude, impensábel hai un e xa non digamos dous ou tres anos. Pero tamén queremos lembrar que somos pouco favorábeis a declaracións vacuas e retóricas. Para nós, esta non é unha data folclórica”, engadiu Rei.

A Mesa tamén amosou certa preocupación polo uso do galego no ensino e, singularmente, na Universidade da Coruña. Para iso contou co apoio do responsábeis de comarca da CIG Ensino (Suso Vermello) e os Comités (Marcos Loureiro). Este último –en nome da organización nacida dos CAF e os CAE– dixo que na universidade coruñesa “o galego só se utiliza nun 20 por cento das aulas”, situación da que acusou o profesorado posto que recoñeceu que “a postura do reitorado é de apoio ao idioma”. Rei, pola Mesa, lembrou que a Universidade “é un dos poucos ámbitos nos que o uso do idioma propio non está lexislado”.

Con motivo do Día das Letras a Mesa organizou na Coruña un pasarrúas “lúdico-reivindicativo” que terá lugar na tarde do sábado 17 dende o Obelisco e percorrerá todo o centro da cidade. Ademais, Fran Rei animou a asistir á manifestación do domingo 18 pola mañá en Santiago de Compostela.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil