Redacción . O Compostela impúxose 1-2 no principal derbi galego da vixésimo cuarta xornada de liga de Segunda División B. O outro choque que enfrontaba a equipos do país, entre o Celta B e o CD Lugo, saldouse con empate a 1. O mesmo resultado que acadaron Montañeiros e Rácing de Ferrol, ante Eibar e Izarra respectivamente.
O Compostela impúxose por 1-2 ao Pontevedra en Pasarón, o que lle abre as portas a unha pequena esperanza para a salvación. O conxunto santiagués dominou o partido e mesmo chegou a rematalo ao comezo da segunda metade, na que chegou ter unha avantaxe de 0-2 no taboleiro de marcas. Os granates reaccionaron moi tarde e marcaron o seu único tanto cando estaba a piques de concluír o enfrontamento. No outro choque no que se deron cita equipos galegos, o Celta B e o CD Lugo empataban a un gol, en Barreiro. Comezaron marcando os lugueses, que non foron capaces de dar por matado o encontro no primeiro tempo, o que logo lle pasaría factura na segunda metade, na que tivo que loitar por manter o marcador. Con este empate, os lugueses seguen en postos da fase de ascenso a Segunda A, pero cada vez máis distanciado dos tres primeiros. Empates de Rácing e Montañeiros Un gol de penalti transformado por Rudy Carlier serviulle ao Rácing de Ferrol para acadar un triste punto en terras navarras, onde comezou perdendo. Este resultado válelle de moi pouco a calquera dos dous equipos, xa que os departamentais seguen no antepenúltimo posto da clasificación, mentres que o Izarra tan só ten por detrás ao Compostela. Pola súa banda, o Montañeiros amosou por que segue a ser a revelación da categoría. No estadio do Roxo empataron a un gol co Eibar, un dos máis claros aspirantes ao ascenso deste grupo. Nesta ocasión, a desgraza foi a peor aliada dos galegos, xa que cando se adiantaran no marcador, foron eles mesmos os que lle deron vida ao seu rival marcando un tanto en propia porta.
Un lance do Pontevedra-Compos.
Descargar Tarifas