Mar Barros . un ha nova firma editorial estréase coa publicación de 'Estratos' e 'De Profundis' de Miguelanxo Prado, por vez primeira en galego
Aínda que a banda deseñada goza de mellor saúde que en décadas pasadas, cunha maior visibilidade dos traballos dos autores do país, coa posta en marcha de máis soportes, certames e premios e a aparición de revistas profesionalizadas como Retranca, o certo é que a súa situación dista moito de acadar as cotas de normalización que gozan países europeos como Francia ou Bélxica, especialmente no que se refire ao risco comercial por parte da iniciativa privada en canto á edición. En Galiza, tan só unha editora, Factoría K, á marxe de proxectos puntuais e dos álbums autoeditados de Polaqia, publicaba de xeito profesional e con certa periodicidade cómic até finais de 2007. Dende o pasado mes de outubro a lista de editoras especializadas medrou coa posta en marcha de El Patito Editorial, a empresa dirixida por dous especialistas do eido do cómic galego, Fausto Isorna e Gemma Sesar e que vén de presentar as súas novidades no Saló del Cómic de Barcelona. Como explica Gemma Sesar, a editora naceu pola “desidia e a falta de interese que esperta nas empresas dedicadas á edición en Galiza a banda deseñada”, e coa intención de ser competitiva no mercado galego e estatal ofrecendo un produto de calidade á marxe de modas e perdurábel no tempo. A primeira obra de El Patito Editorial e a desculpa para poñer en marcha o proxecto foi o catálogo da exposición Golfiño en portadas, comisariada por Fausto Isorna e Gemma Sesar. “Contactamos coas editoriais e, como ningunha mostrou interese, atrevémonos nós mesmos. Percibimos ademais que non era un problema que só nos afectase a nós senón que a falta de editor é unha das dificultades coas que adoitan toparse os debuxantes”. Miguelanxo Prado en galego Con todo, a aposta máis forte da editora é a edición das obras de Miguelanxo Prado ao galego. Traducido a 14 idiomas, a banda deseñada do país tiña a materia pendente de editar na lingua na que foron concibidas as obras do autor máis destacado de Galiza. El Patito Editorial publicará este ano dúas das súas obras, Estratos e De Profundis. (Reportaxe completa na edición en papel de A Nosa Terra)
Viñeta de Home, sweet home, de Eduardo gGalán