PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Debutou Papadopoulos
O Celta empata co Salamanca (0-0)

César Lorenzo Gil Un Celta dominador do balón e do campo pero sen puntaría deixou voar outros dous puntos de Balaídos. O Salamanca foi un rival moi pouco ambicioso.

Reloxo 07.02.2010 | 19:03

Dani Abalo Dani Abalo. Paco Vilabarros

Eusebio tiña que facer seis descartes e sorprendeu na escolla. Trashorras e Saulo, entre outros habituais, quedaron fóra. Tamén no equipo inicial houbo sorpresas. David Catalá foi suplente e Michu xogou como extremo esquerdo.

Como vén sendo habitual nos últimos partidos, os vigueses empezaron con moita forza. Xogo eléctrico e dominio absoluto. Ziguezague permamente entre Iago Aspas, Dani Abalo e Joselu. Pero a blitzkrieg galega abusaba da precipitación en chegando á área, polo que Biel Ribas apenas tivo que intervir.

O Salamanca deseñou o partido como unha batalla de resistencia. Igual ca un púxil que decide encaixar golpes até que o seu adversario canse, os helmánticos asumiron a súa inferioridade futbolística sen complexos. Aínda así, no minuto 11, os castelán-leoneses conseguían marcar, aínda que o colexiado anulou o tanto por fóra de xogo. O galego Sito Castro foi un dos mellores dos visitantes. Só unha vez Dani Abalo conseguiu irse del. Turroulle da camiseta e o árbittro amoestouno. O arousán ficaba só.

Mellor segunda parte

Conforme pasaban os minutos, o Celta perdía folgos pero gañou en profundidade. O seu fútbol xa non se contentaba con manter o balón nas botas amigas senón que había vontade de poñer en apuros o rival. No segundo tempo, Joselu tivo as mellores oportunidades. Nunha delas, inexplicabelmente, lanzou ao poste un balón en clara vantaxe.

Coa entrada no campo do grego Papadopoulos houbo maior frescura e máis ocasións pero practicamente ningunha foi clara. O Celta roldaba o gol pero facíao dun xeito tan afastado que o público tiña que forzar os uis en cada remate.

O Salamanca pensou que podería seguir o camiño de moitos equipos que logo de non se mollaren coa chuvia de fútbol do Celta, acaban gañando. A piques estiveron de conseguilo pero Falcón fixo unha gran parada a cara de can e salvou o gol.

Nos últimos minutos, con Danilo e Botelho no campo, contrariamente ao que lle pasa case sempre ao Celta, baixou a intensidade e chegouse ao final do encontro coa sensación de que este equipo ten un compromiso estético perfecto pero que carece de músculo para optar a algo superior a manter a categoría con apuros.

Ficha técnica

Celta: Falcón, Vasco Fernandes, Noguerol, Túñez, Lago, Bustos, López Garai, Dani Abalo (Botelho, 64'), Iago Aspas (Danilo, 75), Michu (Papadopoulos, 57') e Joselu.

Salamanca: Biel Ribas, Gañán, Goikoetxea, Murillo, Sito Castro, Hugo Leal (Endika, 84'), Salva Sevilla (Álvaro, 68'), Cuéllar, Totti, Kike (Quique Martín, 72') e Linares.

Árbitro: David Miranda Torres (catalán). Amoestou a Sito Castro e Hugo Leal, polo Salamanca, e a Botelho.

Asistencia: 10.500 espectadores en Balaídos.

Soben e baixan

SOBEN

Bustos volveu dominar o centro do campo. Moi rápido e seguro. López Garai sumouse máis ca nunca ao ataque e abandonou o seu habitual papel escuro de mediocampista sen ambición para asumir máis riscos e polo tanto maior protagonismo. Dani Abalo fixo unha boa primeira parte, con fútbol espectáculo. No segundo tempo perdeuse no fondo da banda.

BAIXAN

Michu non está a atravesar un bo momento. Se ademais xoga fóra da posición na que mellor lle vai, o resultado é moi negativo. Joselu tiña unha fantástica oportunidade para reivindicarse. Os seus compañeiros confiaron nel e o debutante Papadopoulos deulle bos pases. Pero fallou o infallábel e gañou apupos do público.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río