PUBLICIDADE
Sábado, 22 de novembro de 2008
O caderno de Menéndez
Alejandro Menéndez ten un complicado final de tempada. Sen que estivese seguramente nos seus plans, ten a responsabilidade de manter o Celta na segunda división. E como se fose pouco iso, tamén está obrigado a marcar a dinámica que o club seguirá o ano que vén, siga el ou non á fronte do banco.
 12.05.2008 | 17:01

Antonio López marchou pola porta de atrás. A mesma cara de circunstancias coa que apareceu para dicir ola mantívoa até o intre do adeus.

Agora xa é tempo de falar de Alejandro Menéndez, o novo técnico celeste. O adestrador asturiano chegou hai ben pouco a Vigo. A primeiros de tempada aterrou procedente dun exitoso Real Madrid xuvenil para compartir con José Luis Molina a tarefa de facer rendíbel a canteira.

O seu traballo no filial foi bo. O equipo xoga ben e varios xogadores amadureceron moito baixo a súa disciplina. Para os que non coñezan o seu traballo no Celta B, eu penso que a nota é un notábel alto, con menos pegas a medida que pasaban as xornadas.

Agora o seu nome entra nesa espiral de traxedia do Celta. O posto de adestrador do primeiro equipo volveuse o máis incómodo e inestábel do club e sería inxusto que Menéndez pagase as consecuencias dunha situación que el non creou para nada.

Pensando en que Carlos Mouriño será consciente do "papelazo" que lle deu ao asturiano, quero entender que a escolla de Menéndez para adestrador do Celta ten dúas motivacións. E se non as tiver, coido que sería bo que as tivese.

O Celta sabe que terá que reiniciar o proxecto desde cero a partir de xuño. Será unha volta a empezar dorosa e traumática: un reaxuste que terá moitas consecuencias económicas e deportivas. Un golpe ao orgullo desa facción do celtismo que aínda cre que ten criada cando o diñeiro non dá niin para zurcir as pantuflas furadas.

Para que toda esa fervenza de humillación sexa menor, coido que sería bo que a aposta pola canteira fose decidida; que tres ou catro futbolistas actualmente no filial pasasen de inmediato ao primeiro equipo, non no verán senón agora mesmo.

Explícome: o Celta B ten algúns bos xogadores. De algúns xa falei abondo. Pero as características dos futbolistas que xogan na segunda B teñen que ser calibradas nos escenarios reais onde o Celta xogará o ano que vén. Cinco partidos son suficientes para que o cambio que se vai ter que producir a partir de xullo-agosto sexa máis doado de levar. Con isto non digo que o que non renda neste último mes é descartábel pero incluso para o que menos aproveite, esa aprendizaxe será ideal na súa preparación domo futbolista.

En contra deste argumento hai unha razón clara: xogar no Celta hoxendía pode danar a calquera. A presión sobre os futbolistas é moi grande e será enorme se non melloran os resultados. Pero sexamos francos: se un futbolista non é quen de aguantar a presión da afección de Balaídos demostrará que a súa fortaleza mental dista moito da que lle cómpre a un profesional.

A segunda motivación debería poder resumirse nunha frase que agocha todo un concepto filosófico de xestión futbolística: o Celta debe volver ser do celtismo. E o celtismo onde mellor se cultivou historicamente (e non falo dos últimos anos de luxo efémero) foi entre os seareiros e tamén entre os nenos que soñan con poñer a camiseta celeste e entrar algunha vez en Balaídos baixo as notas do himno.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
 
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Rúa Laverde Ruíz, 6. Baixo esquerda
15702. Santiago de Compostela.
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil