Redacción . O BNG reclama unha acción directa do Goberno galego en protesta pola actitude 'belixerante' de Air Berlin coa lingua galega. Así o ven de expor o deputado nacionalista, Bieito Lobeira, que sinala que 'é difícil de entender a actitude dun grupo que presume de europeísmo e dunha visión cosmopolita do mundo'.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, nunha resposta a unha pregunta formulada por Bieito Lobeira, lamenta as declaracións feitas por un executivo da compañía alemá nas que atacaba directamente aos idiomas galego, catalán e vasco, ao tempo que considera que as compañías de baixo custo “son a referencia no acceso ao transporte aéreo para un número importante e crecente de cidadáns, e por iso o galego ten que tomar posicións neste ámbito". Neste sentido, o organismo encargado de velar pola lingua galega, avanza o deseño dunha serie de estratexias deste departamento na que están “a valorar as posibilidades existentes de cara a integrar o galego neste ámbito no horizonte temporal do curto prazo”. O deputado do BNG pide que este posicionamento do goberno galego sexa firme e se transmita á compañía aérea do mesmo xeito que se ten feito noutras nacións do estado. Lobeira manifesta a necesidade de “facer chegar de xeito claro e contundente a Air Berlín o rexeitamento do Goberno galego ante actitudes como a dos seus directivos, nas que desprezan a nosa cultura".
Bieito Lobeira, deputado do BNG. AGN