Redacción . O grupo parlamentar do BNG, a través do seu deputado Bieito Lobeira, ven de esixirlle á Consellaría de Educación que abra unha investigación no IES Sánchez Cantón de Pontevedra, contando coa visión do estudantado, a fin de esclarecer as represalias sufridas polo alumnado que se adheriu á folga en defensa da lingua galega.
Bieito Lobeira rexistrou unha iniciativa parlamentar denunciando estes feitos de “extrema gravidade” producidos nas aulas de Lingua Española no primeiro curso de Bacharelato dese centro. “Resulta terrorífico que a defensa do noso idioma aínda provoque represalias académicas e amedrentamento sobre o estudantado que libremente se adheriu á convocatoria”.
Bieito Lobeira, deputado do BNG.
Para o deputado nacionalista, esta actitude “intolérabel” ten a ver coa actuación pública da propia consellaría en relación coa folga, “pois creou o caldo de cultivo propicio para a aparición de reaccións virulentas contra quen decidiu mobilizarse en defensa do galego”. Lobeira pon como exemplo a páxina web oficial da consellaría, onde se podía ler “a liberdade fronte á imposición, o diálogo fronte á folga” ou afirmacións nas que se identificaba a quen apoia a folga con xente que ve a Galiza como un país “pechado, separado, á defensiva e con medo á modernidade”.
Asemade, Lobeira lembra que a convocatoria legal tamén foi definida como “acto partidista” levado adiante por “un pequeno grupo que segue enrocado lonxe do diálogo, e que segue interesado en tensionar o clima”.
Os feitos
O parlamentar do BNG considera que non é comprensíbel que no ano 2010 aínda poidan acontecer sucesos como estes e haxa que lembrar e reivindicar que os alumnos e alumnas galegos posúen o dereito fundamental e inalienábel a se organizaren, exerceren o dereito de libre expresión e iren á folga. “E ninguén, nin a consellaría nin ningún profesor é quen de reprimir aos estudantes no exercicio destes dereitos”, engadiu.
“Semella así trabucada a orde da ecuación transmitida pola consellaría: liberdade fronte a imposición, dereito á folga fronte a represión”, ironizou o deputado, quen pregunta a Educación se coñece os feitos denunciados, que avaliación realiza dos mesmos e que medidas pensa adoptar.
Segundo a información de Lobeira, nesa aula a folga foi seguida aproximadamente por 25 alumnos de 30. Os cinco estudantes que ficaron en clase, só por non ir á folga, recibiron como “gratificación” o incremento en 0,25 puntos da nota global do trimestre en Lingua Española, quedando ademais exentos do estudo do tema impartido ese mesmo día, o Cantar do Mio Cid. “Dáse a circunstancia e que ao día seguinte, un alumno que si se adheriu á folga a xornada anterior foi chamado ao encerado e o mesmo profesor restoulle 0,25 puntos da nota global de lingua neste trimestre”, denunciou.
Descargar Tarifas