Europa Press . O BNG criticou hoxe que o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, 'retrocedeu' nos compromisos que esta formación política 'xa conseguira' para o AVE, ao aceptar o prazo de 2015 para a conexión coa meseta e o de 2016 para a finalización do Eixo Atlántico.
Así o manifestou a deputada nacionalista no Congreso, Olaia Fernández, quen afirmou que o seu grupo non entende a "euforia" do presidente da Xunta, e recordou que, de continuar o ritmo de investimentos tal e como esixía o BNG, a alta velocidade coa fronteira portuguesa "tiña que estar en 2013". A ese respecto, apuntou que, "grazas a emendas específicas do BNG -por valor de 70 millóns de euros-", os proxectos do AVE conseguiron investimentos adicionais. "Non entendemos que Feixóo presente entusiasticamente o que falou con Blanco, cando retrocedeu nos compromisos que xa tiña o Goberno central", engadiu a deputada. Ademais, o parlamentario autonómico Henrique Viéitez, apuntou que a proposta para o AVE non ten investimentos anuais concretos e que Núñez Feixóo non accedeu a explicar en sede parlamentaria o motivo de "por que se abandonou o calendario apoiado por todos os grupos políticos". Así mesmo, criticou que "o compromiso de Feixóo con Blanco non ten credibilidade" polos "antecedentes" de incumprimentos dos populares. En referencia á posibilidade de que a Xunta cofinancie as obras da alta velocidade, Viéitez foi tallante á hora de afirmar que sería un "insulto" que os galegos tivesen que sufragar algo dese gasto. Segundo o parlamentario do BNG, "o que a Xunta ten que facer é presionar a través de todos os medios, porque xa había un acordo unánime -sobre os prazos-".
.
Descargar Tarifas