Manuel Vilas . ‘Regularizar baixo criterios obxectivos as minas que funcionaban fóra de calquera control e, en moitos casos, fóra da legalidade’. Así definiu o conselleiro de Industria o fin da Lei de Minaría de Galiza, a primeira no Estado dende 1973, aprobada hoxe no Parlamento.
O Partido Popular votou en contra da Lei alegando que ten síntomas dun “transtorno bipolar” pois “sume o sector nunha importante situación de inseguranza xurídica”. O PP reclama que as legalizacións das minas sempre dependan da Xunta e non dos concellos. No debate parlamentar, o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, destacou que a galega será a primeira lei autonómica neste eido e a primeira dende a regulación estatal de 1973. “Críticas merecidas” Blanco argumenta que a Lei aposta polo “desenvolvemento sustentábel” e polo crecemento económico. Con todo, o conselleiro advertiu, ante a patronal presente nas bancadas, que as actividades mineiras “reciben ás veces críticas merecidas”. Dende o PSdeG, o deputado Manuel Gallego Lomba, apoiou o texto porque “intenta legalizar 400 explotacións mineiras”. Gallego acusou ao PP de querer que o sector continúe a funcionar sen un marco legal e que “todo siga sendo un caos”. O socialista tamén destacou a “ampla aceptación da Lei entre sindicatos, ecoloxistas e empresarios”. Deixar de mirar para outro lado O deputado do Bloque, Fernando Blanco Parga, admitiu que “a maior parte da producción mineira de Galiza está en situación alegal”. Un problema que, ao seu entender, nace da inoperancia dos gobernos populares. Parga destacou o “acto de valentía” do conselleiro que “se tivese mirado para outro lado, ninguén lle tería dito nada”. Saturación do Porto de Vigo Pola súa banda, os populares acusaron a Xunta de non atender as necesidades reais dos empresarios. Así, Tahoces advertiu que o sector da lousa perdeu 200 empregos nos últimos anos e que as exportacións están a ser dificultades polo suposto colapso do porto de Vigo.
Fernando Blanco, conselleiro de Industria, no parlamento. AGN
A Lei afecta a unhas 1.600 empresas. No eido extractivo, en Galiza existen unhas 150 compañías de lousa, 125 de granito, 7 de caolín, 10 de rocha e outra decena no campo dos balnearios e augas medicinais. Especialmente importante son as louseiras, líderes no mercado internacional deste producto.
O sector en conxunto aporta o 2% do Producto Interior Bruto do país, cunhas exportacións anuais superiores aos 440 millóns de euros.