Laudelino Pellitero . Os expertos discuten sobre a incidencia do biocarburante sobre o mercado alimentario, moi afectado polo aumento da demanda.
Entre o artigo “A internacionalización do xenocidio”, de Fidel Castro, publicado en abril de 2007, e a declaración do portavoz das ONU para o Dereito á Alimentación, Jean Ziegler: “A produción masiva de biocombustíbeis é un crime contra da humanidade", pasou xusto un ano. Quen non concorda coa acusación que reciben os biocombustíbeis, de ser os causantes carencias alimenticias é Inácio Lula da Silva. Situado nas altas cimas da popularidade no que o colocan as enquisas, renega do dilema biocombustíbeis-alimentos: “É moi fácil para calquera ficar sentado nun banco de Suíza dándolles ordes a Áfricaou ao Brasil. É importante vir aquí meter o pé no barro para saber a cantidade de terras que nós temos e o potencial de produción que atesouramos. Os alimentos están caros porque o mundo non estaba preparado para ver millóns de chineses, indios e brasileiros comendo”. Outros factores como o incremento do prezo do petróleo (transportes, estercos químicos...), cambios climáticos con secas en Australia, especulación en mercados de futuro tan axitados como o dos alimentos, contribuíron a acelerar a escalada de prezos e deben pasar a peneira das análises e proxeccións.
Unha protesta contra a suba dos alimentos en Dakar (Senegal). Normand Blouin/Reuters
12 meses nos que adaxios como: “emerxencia alimentaria”, “retorno da fame”, “crise nutriente global”, forman parte da relación cotiá de preocupacións universais. Os últimos en apuntarse nestas teses foron FMI e Banco Mundial. Na reunión de primavera, fixeron un chamamento ao planeta para tomar medidas urxentes que conteñan a suba dos alimentos.
Os datos que dan a FAO, o Banco Mundial e o FMI, pouco difiren dos xa coñecidos. A FAO sitúa o incremento medio dos prezos dos alimentos nun 45 por cento, dende o verán pasado, O Banco Mundial toma como referencia os tres últimos anos e constata un incremento medio do 85 por cento, con puntas do 120 por cento, nun ano, no caso do trigo e do 75 por cento, en dous meses, no caso do arroz.
O FMI, máis atento as relacións entre economía e política, alarmado polas revoltas de transfondo alimenticio en Haití ou Exipto, fai proxeccións nas que se prevén disturbios en 33 países por mor da insuficiencia alimentaria. Non vai afectar igual na UE onde a comida só leva un 15 por cento da renda, que en Haití ou Exipto, onde devora o 60 por cento dos recursos familiares.
A posición de Lula
Devolveu o golpe cara aos países desenvolvidos, aos que convidou a eliminar os subsidios da produción agrícola e a dar axuda financeira ao países pobres para facilitar a rápida implantación de cultivos.
Certo é que o Brasil utiliza fundamentalmente cana de azucre, que é o cultivo que menos incide nos prezos dos alimentos; pero, non é menos certo que as cifras da FAO afirman que os biocombustíbeis son os causantes do 30 por cento do incremento recente nos prezos dos alimentos. No caso do millo, o 50 por cento da colleita xa vai para fabricar carburantes.
Até o 2015, nas previsións máis optimistas do Banco Mundial non acadaremos o equilibrio dos prezos. Á agricultura ábrenselle portas que antes da crise tiña fechadas. É o momento de traspasalas para albiscar novas oportunidades. En Galiza, tamén.