Antonio Cendán . Para o presidente da Federación Galega “é un deporte con futuro” porque se está introducir con éxito nos centros escolares
Hai agora 40 anos chegaba a Galicia un deporte oriental que era un gran descoñecido na meirande parte dos países de Europa occidental. Tratábase do bádminton. O seu introdutor entre nós foi o profesor Luís Marco, que presenciou esta práctica nunha viaxe a Suecia cando estaba a preparar un curso de voleibol. Aquel deporte sorprendeuno porque se trataba dun xogo no que se empregaban unha raqueta e unha pluma. A raíz deste descubrimento, Galicia converteríase en pioneira do Estado, circunstancia que viña favorecida polo feito de que en Portugal o bádminton xa se coñecía e incluso estaba consolidado. Ao longo da súa curta historia, os xogadores galegos de bádminton dominarían este deporte durante moitos anos, até mediada a década dos oitenta. Mais, desde esta data, o xogo sufriu un importante ocaso no país, que o levaría pouco menos que a esmorecer. Renace o bádminton galego En 2002 accede á presidencia da Federación Galega de Bádminton Rodrigo Sanxurxo, quen, segundo as súas propias palabras, se encontrou “cunha situación desoladora”. Para devolverlle parte da gloria pasada, os novos responsábeis do organismo federativo deciden comezar pola base, introducindo nos colexios e centros escolares. Grazas a esta iniciativa, o ente organizativo galego convértese en segundo en todo o Estado, recoñecido pola propia Federación Española. Este recoñecemento obedece ao sistema organizativo do que dispón a Federación Galega, así coma na organización de campionatos e grandes premios. Neste aspecto tamén vai moi unido ao Centro de Tecnificación da Estrada, que recibiu esta distinción en 2006 por parte do Consello Superior de Deportes (CSD). Non obstante, un dos principais problemas aos que se enfronta o organismo galego de bádminton e o seu espallamento, xa que aínda que a nivel escolar goza dun gran número de participantes, en categorías superiores céntrase na provincia de Pontevedra, aínda que tamén vén de penetrar con forza na da Coruña. Pola contra, en Lugo tan só hai dúas licenzas, mentres que en Ourense existen tres clubs. En total, en Galicia o número de xogadores federados supera os 500, aínda que neste cómputo non se teñen en conta os torneos escolares, cos que superaría os 5.000. Un factor importante é o gran número de “podios” acadado polo bádminton autóctono nos últimos anos, principalmente nas categorías inferiores, pero tamén nas absolutas nas que hai xogadores galegos en todos os “Top 10” das distintas modalidades. Así moitos dos xogadores xa gozan dun gran recoñecemento a nivel estatal, salientando entre outros Rafael Vázquez, Paulo Méndez, Alba Vilas, Andrea Gutiérrez e Ánxela Souto. A nivel de clubs, a Federación Galega conta con 26 inscritos, pero destacan de forma significativa os da Estrada, As Neves e o de San Amaro, na Coruña, aínda que agora se está a promover en todo a comunidade a creación de máis equipos coa finalidade de que teñan un maior sostén deportivo.
Medallistas do Campionato de España SUB-15, A Estrada 20 09.
O actual mandatario do bádminton galego, Rodrigo Sanxurxo, considera que se trata dun deporte novo e destinado, polo de agora, aos mozos, pero non minoritario. Apunta tamén que a súa introdución é moito máis sinxela nas localidades máis pequenas que nos grandes núcleos de poboación. Nalgunhas destas localidades, como pode ser A Estrada, o deporte da pluma prexudica ao fútbol, en palabras do propio Sanxurxo, quen tamén lembra que é o “terceiro deporte máis practicado do mundo”, favorecido pola gran difusión que ten en países como China.
O presidente da Federación galega considera tamén que se trata do “deporte do futuro”. Basea esta afirmación en que “agora os escolares levan na súa mochila unha raqueta de bádminton”. Tamén considera moi positiva a colaboración que se está a facer dende os centros de educación infantil de Galicia, xa que segundo as cifras que manexa “o bádminton chega potencialmente a 40.000 nenos galegos”. Tamén se están a facer campañas de promoción, tratando de chegar a unha media de 200 centros educativos máis cada ano.
Outro factor importante para Rodrigo Sanxurxo é que este deporte fose introducido coma materia dos alumnos de INEF no seu centro da Coruña, aínda que, na súa opinión, sería tamén necesario que fixese o mesmo o de Pontevedra.
Descargar Tarifas