Débora Campos . Logo de que fose denunciado ante a xustiza arxentina polo contido racista e xenófobo do seu libro, Ricardo Parrota, que se agocha detrás do pseudónimo Pepe Muleiro, riuse da queixa da colectividade galega: 'Son un comando de intelixencia galega, termo contraditorio dende logo', dixo.
Poucas horas antes da chegada á Arxentina do presidente de Galiza, Emilio Pérez Touriño, o autor do polémico libro Super chistes gallegos, Ricardo Parrota burlouse hoxe dos galegos e da denuncia por racismo e xenofobia que foi presentada ante o Instituto Nacional contra a Discriminacion, a Xenofobia e o Racismo (INADI), pertencente ao Ministerio de Xustiza, Seguridade e Dereitos Humanos. "Son un comando de intelixencia galega, termo contraditorio, dende logo", dixo Parrota, que se agocha detrás do pseudónimo Pepe Muleiro. Parrota é arxentino pero ten a nacionalidade española e deulla tamén aos seus fillos. Conta iso para xustificar os seus ataques e aldraxantes libros. Así foi que –consultado polo xornal Crítica de la Argentina– respondeu burlándose dos integrantes da colectividade galega que denunciaron á Editorial Sudamericana –que publicou este libro e moitos outros, tamén ofensivos– ante o organismo estatal arxentino que combate a discriminación. "Eu fago chistes de todo tipo, non só de galegos, e vendín máis de dous millóns de exemplares dos meus libros. Todos os anos fan este tipo de manifestacións", xustificouse Parrota. O arquitecto arxentino de orixe galega Gastón Quiroga foi o primeiro en denunciar á Editorial Sudamericana por considerar que o libro "Super chistes gallegos" contén "agresións máis que chistes". "Os xudeus fan os seus propios chistes sobre os campos (de concentración), os franceses rinse dos belgas, os uruguaios dos arxentinos. Un chiste é un chiste, punto. Non hai intención de ofender a ninguén", asegurou Parrota que –entre outros– conta este chiste no seu libro: "Estás nun cuarto con Osama Ben Laden, Adolf Hitler e un galego. Tes unha arma, pero só dúas balas. A quen lle disparas? Ao galego dúas veces para estar seguro" O obxectivo principal das denuncias presentadas, ademais de manifestar o malestar da comunidade galega, "é impedir que o autor gañe diñeiro desta forma", segundo explicou Quiroga, cuxa idea é conseguir que o recadado pola venda do libro vaia parar a causas sociais.
Roberto Parrota