PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Boa despedida dos galegos
O Atleti acaba pedindo a hora ante o Celta (0-1)

César Lorenzo Gil O Celta non tivo a brillantez do partido de ida en Madrid pero sufriu os erros do árbitro Miguel Ángel Pérez Lasa, que anulou un gol legal dos vigueses e non viu un penalti na área atlética. Ao final, valeu o gol de Forlán tras fallo de Noguerol.

Reloxo 29.01.2010 | 00:08

Roberto Trashorras Roberto Trashorras. Miguel Vidal/REUTERS

O Celta repetiu o mesmo once que marabillara no Vicente Calderón a semana pasada. Eusebio Sacristán volvía confiar en homes pouco habituais como Vila pero mantivo no ataque a tripla máis talentosa do equipo: Dani Abalo, Trashorras e Iago Aspas.

Nos primeiros minutos parecía que era o Celta quen necesitaba o gol. O Atlético recibiu unha chuvia de fútbol nos primeiros 25 minutos. Dani Abalo desbordaba, Trashorras contemporizaba e só Aspas erraba, unha e outra vez, cando tiña o balón nos pés. Ademais, o de Moaña cargouse cun cartón amarelo nos primeiros minutos e volveu asombrar Balaídos a posibilidade de que acabase expulsado antes do descanso.

Ao Atlético interesoulle a ofensiva viguesa. Os de Quique Sánchez Flores séntense moi a gusto no contraataque e deste xeito trenzaron as mellores ocasións, sempre nas botas de Simao, Agüero e Forlán.

Mais o gol non chegou polo talento propio senón pola pifia allea. Noguerol non controla un balón na liña de medios, Forlán gáñalle a carreira e bate de fabuloso disparo a Ioel. Era o minuto 26 e todo se puña costa arriba.

O público que case encheu Balaídos non permitiu o desánimo cos seus berros de apoio, os máis sentidos en cinco ou seis anos. Pero o gol do Atleti foi coma unha caída á realidade. O Celta perdeu momentaneamente a ilusión pola Copa. Deixou de soñar que era princesa e viuse cos farrapos de Cincenta. O resto do primeiro tempo seguiuno a dominar o Celta pero sen convicción. O porteiro De Gea non tivo que intervir nin unha soa vez.

A cousa empeorou nos minutos do inicio do segundo tempo. O Atlético deuse conta de que un equipo de primeira non pode achicarse na casa dun segunda e tentou construír xogo, principalmente con Simao, que nunca encontrou un Reyes nulo en Vigo.

Neses minutos, os madrileños puideron matar o encontro. Forlán e Agüero tiveron boas ocasións para marcar pero unhas veces o acerto de Ioel, outras veces certa desidia dos dianteiros madrileños mantivo o marcador sen moverse.

Parecía que podería haber goleada ou unha travesía tranquila do Atleti cara as semifinaispero acabou pasando todo o contrario. Todo empezou co saque dunha falta. Trashorras aproveita que De Gea está despistado e báteo dun maxitral disparo desde o lombo esquerdo do ataque. Pérez Lasa anula a xogada por considerar que o Celta sacara antes de tempo. Trashorras protestou indicando que el non pedira barreira e que nese caso non se precisa o asubío do colexiado. O vasco replicou que no intre do lanzamento el non estaba atento porque estaba a escribir no caderno o nome de Ujfalusi, que vira un cartón amarelo.

A inxustiza encirrou os vigueses. Comezou unha exhibición de xogo técnico e eficaz de Trashorras, Toni Rodríguez (que entrou no segundo tempo), Dani Abalo e, en menor medida, tamén o chegado do banco Joselu. O de Rábade fixo caneos imposíbeis, pases de cinema e incomodou unha e outra vez un Atleti que se foi empequenecendo minuto tras minuto. A mellor ocasión tívoa Joselu, que cabeceou ao largueiro tras un pase desde a esquerda. Noutra xogada polémica, o árbitro non pita penalti nunha falta clara sobre Dani Abalo no lado dereito da área.

Nos últimos minutos, o central Túñez lanzouse ao ataque e nesa inferioridade defensiva, Forlán tivo o segundo gol. O seu tiro detívoo con moito mérito pero algunha dificultade Ioel.

Ao final do encontro, o público, feliz polo espectáculo, apupou o árbitro e aplaudiu a xesta dos seus, que fixeron que todo un equipo da Liga dos Campións pedise a hora en Balaídos e até fixese un troco xa no tempo de desconto.

Ficha técnica

Celta: Ioel, Vasco Fernandes, Noguerol, Túñez, Lago, Vila (López Garai, 84'), Michu, Dani Abalo, Trashorras, Botelho (Toni Rodríguez, 55'), Iago Aspas (Joselu, 46').

Atlético de Madrid: De Gea, Ujfalusi, Perea, Domínguez, Antonio López, Paulo Assunçao, Tiago (Raúl García, 64'), Simao, Reyes, Agüero (Jurado, 84'), Forlán (Ibrahima, 92').

Gol: 0-1: Forlán, 26'.

Árbitro: Miguel Ángel Pérez Lasa (vasco). Amoestou a Iago Aspas e a Vasco Fernandes, polo Celta, e a Tiago, Ujfalusi e Perea.

Asistencia: 27.500 espectadores en Balaídos.

Soben e baixan

SOBEN

Roberto Trashorras foi de menos a máis nunha noite na que demostrou ter unha relación case divina co balón. Roberto Lago bloqueou a Simao case todo o partido e atesoura un poderío físico inédito nel até estes meses. Dani Abalo ensinoulle a Eusebio as calidades que talvez tivera medio agochadas nos últimos partidos. Ten que ser titular, si ou si.

BAIXAN

Noguerol fallou antes do gol de Forlán coa inxenuidade dun meniño. Non foi o seu único erro. Debe pensar en retirarse. Iago Aspas non foi o doutras noites. Sobrerrevolucionado e con máis vontade de bronca que de fútbol, camiñou no fío da expulsión sen necesidade. Botelho non serve para xogar de interior nin de extremo. O Celta segue a precisar dun home específico para ese posto.

A bancada recuperou a cor

Había moitos anos que Balaídos non vivía tan bo ambiente como esta noite. A entrada foi magnífica e nalgunhas bancadas houbo moitas persoas de pé ou sentadas nos vomitorios e escadas.

Pero máis ca iso, Vigo volveu vivir a ilusión polo Celta. Logo de moito tempo de divorcio, de reproches, asubíos e enfado, o celtismo de toda Galiza se reconciiliou cun escudo, cunha camiseta e sobre todo cun plantel que loce día a día o orgullo de sentirse parte dun proxecto máis alá do salario que cobra.

Dous momentos indican ese amor mutuo entre público e xogadores. As arengas de Ioel e Dani Abalo á bancada para que animasen e a despedida, cariñosa e paternal, a Vila cando se retirou.

Será flor dun día esta lúa de mel?

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río