Europa Press . Case un 40 por cento do profesorado padece niveis 'perigosos' de tensións ante situacións de violencia nas aulas por mor de agresións físicas, verbais ou condutas disruptivas que terminan xerando situacións de baixas por depresión e insatisfacción profesional, segundo advirte o sindicato FETE-UGT Galiza no estudo 'A violencia nos centros escolares'.
A publicación foi elaborada no 2009 con 1.223 docentes enquisados de todo o Estado que, segundo sinalou o secretario xeral do sindicato educativo en Galiza, Marcelino Brea, reflicte "unha realidade xorda" que se rexistra nos centros educativos a nivel estatal, aínda que tamén "extrapolábel" á comunidade galega. Un dos autores, o técnico en prevención de Riscos Laborais Fernando Álvarez, sinalou que o estudo presenta a violencia nas aulas como "un comportamento determinado para producir un dano", tanto físico como psicolóxico, a través de "ameazas, insultos ou comportamento disruptivo", co obxectivo de determinar "o grao de tensión" producida no docente -nunha escala de 0 a 10- en función da súa afectación. O comportamento disruptivo -interrupcións e ruptura do ritmo da clase- representa a situación "máis frecuente", segundo manifestou "o 50 por cento dos enquisados". Un 32,4 por cento declarou que foi intimidado algunha vez, ademais dun 5,7 por cento que o sofre "con certa frecuencia". As agresións físicas rexístranse "nun 7,4 por cento do profesorado" e "un 2 por cento sófreas unha vez ao mes", que leva a niveis de tensións "de alto risco" en opinión do "40 por cento do profesorado". Este indicador alcanza un nivel similar no caso de xestionar e mediar en casos de violencia entre alumnos. Así mesmo, Álvarez aclarou que estes datos destacados representan casos "graves" catalogados nunha escala de tensión entre "sete e dez", polo que a incidencia da violencia alcanza niveis "aínda máis altos" dos destacados en función da interpretación do estudo.
Estudantes nun instituto.
Respecto ao cuestionario sobre os aspectos que máis preocupan ao profesorado, "máis da metade teme ser agredido fisicamente"; critica a "falta de apoio dos pais"; ou teme presenciar agresións entre alumnos. Outros puntos "preocupantes" para os docentes son ensinar "a quen non valora a educación"; impartir a un número elevado de alumnos; agresións verbais; desconsideración; e manter a disciplina.
Doutra banda, un 24 por cento do profesorado afirma "recibir insultos" por parte de familiares de alumnos; un 19,3 por cento sufrir "malos tratos psicolóxicos"; e un 4 por cento "agresións físicas".
No caso das relacións entre o profesorado, un 1,7 por cento admite agresións físicas; un 16,8 por cento insultos de forma puntual -o 0,4% con certa frecuencia-; un 5,1 por cento sentiuse algunha vez fustrigado sexualmente; e un 15,3 por cento sofre violencia psicolóxica por parte dos seus compañeiros.
Doutra banda, FETE-UGT sinalou que os casos de agresións verbais e físicas rexístranse máis en centros públicos de ámbito urbano, sobre todo no caso de violencia do alumno ao docente, ademais de destacar que ditas situacións de tensións -que padece un 75% o profesorado da ESO- afectan "en maior medida ás mulleres".
Ante este "perigo potencial" para o colectivo docente, o sindicato propón unha listaxe de medidas que se refiren a atención á diversidade; programas de diversificación curricular; programas específicos para o alumnado "que sente mal en clase"; redución de cocientes e incremento de persoais; e o recoñecemento do docente como autoridade pública, entre outras.
Precisamente, o sindicato esixe que o Pacto Estatal pola Educación contemple iniciativas sobre a "convivencia na aula", ademais de diversificar o alumnado entre centros e pedir que se aplique "o código penal con toda a dureza do mundo" para os casos de agresións de pais ao corpo docente.
Descargar Tarifas