PUBLICIDADE
Sábado, 22 de novembro de 2008
Novo Hollywood tridimensional
O 3D volve aos cines

Redacción .  O éxito da fita de Disney 'Hannah Montana & Mileu Cyrus: Best of Both Wordls Concert Tour' volve pór de moda a entrada da terceira dimensión na carteleira. A maxia do tridimensional volve con forza nos EE.UU., onde en menos de dous anos vanse estrear cerca de 20 películas coa tecnoloxía tridimensional.

Reloxo 16.05.2008 | 07:09

Gafas para ver cine en 3D Gafas para ver cine en 3D

O cinema reinvéntase e desta vez tira do tridimensional para atraer os espectadores. Trátase de facer das salas de cinema novos centros de lecer e dos espectadores partícipes directos do que están a reproducir.

Hannah Montana & Mileu Cyrus: Best of Both Wordls Concert Tour e Beowulf confirman o éxito da volta ao cine das tres dimensións. Malia os altos custos que supón facer unha película en 3D, uns 15 millóns de dólares, o investimento é rendíbel. Cando Disney lanzou a versión tridimensional de Meet the Robinsons, a sala que reproduciu a fita en 3D case triplica o ingresado pola sala que emitiu en dúas dimensións. Pola súa banda, a fita Beowulf, de Paramount, recadou o duplo nas salas nas que se emitiu en 3D que nas que emitiu en dúas dimensións.

Ao abeiro do éxito das últimas fitas, os grandes estudos están a producir películas tridimensionais. En menos de dous anos, prevese que estreen cerca de 20 títulos con esta tecnoloxía. Dreamworks xa anunciou que a partir do ano que vén creará todas as súas películas en 3D dixital.

Infraestruturas custosas

O 3D rexorde no século XXI da man da tecnoloxía dixital. Porén, cómpre adecuar as infraestruturas analóxicas á nova era do 3D dixital. Facer apta unha pantalla pode acadar os 100 mil dólares. Polo de agora, só 1.030 das 37.000 pantallas de cinema dos EE UU están adaptadas ao 3D dixital.

O auxe do tridimensional nos EE.UU. vén acompañado de cambios no deseño dos televisores das grandes firmas de electrónica. Por uns 1.200 dólares é posíbel comprar decodificadores de plasma aptos para reproducir os efectos tridimensionais.


Dos lentes de cartón ao deseño
Quen non vencella 3D cos lentes de cartón que engarzan un plástico azul e outro vermello? Hai vinte anos gozaban do éxito entre o público máis novo. Películas, cromos, revistas... todo servía para introducir os espectadores e lectores na maxia do tridimensional coa creación da sensación de profundidade no ollo humano, pero os lentes de cartón son parte do pasado.

Empresas como DDD Group xa fabrican lentes que captan o movemento do 3D por pouco menos de 200 euros. Coa nova tecnoloxía, o espectador recolle as dúas imaxes dixitais, unha no ollo dereito e a outra no esquerdo, de xeito simultáneo. As gafas Dolby 3D facilitan que o cerebro una ambas as dúas partes creando o efecto da terceira dimensión.

Nesta nova época do 3D rexéitase o cartón e nacen novas iniciativas que conxugan a vangarda coa moda. Dmented Entertainment, que une Luxoticca Group, fabricante dos lentes Ray-Ban, coa empresa de tecnoloxía Kernel Optical, adícase á venda de lentes exclusivos con efecto tridimensional.
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Rúa Laverde Ruíz, 6. Baixo esquerda
15702. Santiago de Compostela.
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil