PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
'Monbars o Exterminador', de Hixinio Puentes
Novela histórica moi consistente

Xosé Manuel Eyré Historia dun pirata que mantivo en xaque as flotas europeas durante a época dos hugonotes.

Reloxo 29.04.2009 | 20:59

Hixinio Puentes Hixinio Puentes

Monbars o Exterminador

Autor: Hixinio Puentes.

Edita: Xerais

Unha boa novela adoita ser doadamente identificábel. Comunmente, a un lector experiente abóndalle con ler as primeiras páxinas para sentir o ulido característico das historias que convidan a continuar a lectura. Logo aínda queda comprobar se a novela responde realmente a ese convite, co risco de, se non responde como debera, ficar mal parada na opinión do lector. Certamente, unha novela é unha natureza sempre moito máis arborada, porén de pouco máis tempo e armas dispón o lector á hora de seleccionar unha lectura e, como aínda hai quen escribe libros e quen os le, temos que colixir que a estratexia funciona. Nesta altura, o crítico confesa ignorar cantos lectores se guiarán polo que el e os seus colegas digan. E afirma non querer sabelo. E felicítase por todos aqueles que, á marxe do que a crítica diga, manteñen con vida algo tan precioso como é a literatura. E ten a ben deixar esta opinión escrita por se algún lector necesita razóns complementarias á hora de seleccionar Monbars o exterminador como a súa lectura.

O actual Premio Eixo Atlántico é unha desas novelas que rapidamente instalan o lector nunha atmosfera de misterio. Práctica que a adoita ser moi frecuente nas novelas de Hixinio Puentes, que non é moi grande (O bandido Casanova, 2000;  Aguillóns de Ortegal, 2005) mais si o suficiente como para deixar na lembranza do lector esa impresión. No caso concreto que nos ocupa, a trama deslócase, pois acontece fóra da Galiza, nun interregno entre Francia e Inglaterra ou nas illas caribeñas que servían de base aos piratas, tamén outro interregno.

A historia cóntanola o Corvo, un rapaz que entra ao servizo de Gullome La Motte, quen aos poucos irá desvelando a súa vida, unha vida repleta de rebeldía e ansia de liberdade mais tamén de violencia. Cronoloxicamente sitúase polos mediados dos anos mil e seiscentos, no remate do dominio deocentrista, precisamente en tempos de reinvindicación do protagonismo humano no seu destino. Algo que esta historia moi ben exemplariza, pois o feito de desenvolverse en interregnos, serve de escenario ideal a esta proposta e fai que sexa vista/lida con total naturalidade e sen chisca de forzamento. E tamén porque o autor sabe mo ben seleccionar aspectos derivados dese confronto, de lóxica aplicación na vida real e lonxe do mundo das teorías por moito que pertenza a elas como encarnación súa que é. Por exemplo a ansia de liberdade, de liberación do xugo feudalista medieval que aniquilaba os valores de liberdade individual. Do que se deriva, loxicamente, un novo concepto de xustiza. Todo isto no marco das guerras de relixión (La Motte/Monbars profesa o credo hugonote), a relixión, esa monarquía de expresión piramidal medievalizante. Todo isto no tempo das monarquías absolutas, que tan pouco se desemellan das monarquías relixiosas.

A novela de Hixinio Puente, onde se len momentos realmente espectaculares nos que o antedito se pon de manifesto, asenta sobre unhas personaxes rexamente configuradas, que saben ser sutís e contundentes á vez, que precisan marcar inequivocamente o territorio das ideas mais tamén procuran saber vivir en harmonía. E para acadar ese nivel na configuración das personaxes é imprescindíbel un milimétrico coñecemento do tempo, psicoloxía e cultura do momento, de xeito que a historia non fique coas raíces no ar, como unha historia de piratas máis, e pase a ser considerada na dimensión dunha novela histórica moi lograda. Certamente, non todas a personaxes atinxen o mesmo grao de rexa configuración, caso de Blandine, por exemplo, mais trátase de personaxes secundarias e hai que ter en conta que o raseiro das demais ficou moi alto.

Novela histórica, non simple novela de piratas, na que pon de manifesto un amplo coñecemento do tempo que se relata, e particularmente do mundo e ambiente mariñeiro. Haberá lectores para os cales o narrador se perda en detalles e minucias, mesmo quen se pregunte se ese narrador está ben xustificado. Da xustificación do narrador diremos que, como mínimo, mal non está. E da minuciosidade… si, é certo que iso ralentiza o desenvolvemento da trama sobre todo se comparamos esta novela con outras de piratas,  porén (e na mesma novela se constata isto, no xuízo a Monbars, que tamén é xuízo á novela) si son aspectos moi importantes á hora de crear ambiente, á hora de reflectir unha mentalidade, á hora de recrear esa psicoloxía do novo home, e, por se iso non abondase, un non ten máis que comparar a fidelidade e grao de consecución na recreación da época… porque á carón da historia de Monbars/La Motte e tanto como esa historia, o ambiente vai ficar prendido na nosa memoria. Cando nos falen de historias de piratas lembraremos a novela de Hixinio Puentes e non outras.

Xa para remate, fica un outro aspecto a comentar, relativo á construción da personalidade, tema tan dos nosos días e que sinalamos recentemente en moitas novelas. Aspecto temático que se atopa na vacilación ou dualidade Monbars/La Motte. Até que punto é importante o nome na construción dunha identidade? Pode unha mesma identidade humana ser coñecida con dous nomes? A novela non ofrece resposta, mais logo de lela ninguén ficará, se as tiña, con dúbidas. 

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río