Redacción . A Xunta porá en marcha unha nova Rede Integral de Centros que unirá a Rede de Dinamización e a de Telecentros. Ademais a secretaria de Modernización Mar Pereira avanzou que no 2010 se porán en funcionamento os novos centros de Sarria, Ourense, O Barco de Valdeorras, Teo e Ribadavia, os dous últimos, o vindeiro mes.
A secretaria de Modernización explicou a situación de “incoherencia e descoordinación” que di se atopou o Goberno á súa chegada á Xunta, “con dúas redes totalmente independentes e autónomas que tiñan os mesmos obxectivos e estaban financiadas pola Xunta: a de telecentros, 56 aulas que dependían de Presidencia, e os da Rede de Dinamización, 60, da Consellaría de Innovación e Industria”. “Había unha completa carencia dunha planificación coherente e dunha racionalidade nas actuacións despregadas; a lóxica consecuencia desta situación foi unha multiplicación das duplicidades e unha irracionalidade no gasto”, argumenta Mar Pereira, quen puxo como exemplo desta situación a duplicación de investimentos en nove concellos, nos que había, nos mesmos municipios, dúas aulas, unha de cada rede. Características da nova Rede A secretaria xeral explicou que o novo modelo de Rede única do Goberno galego reestruturará de forma eficiente e racional a totalidade dos recursos dispoñíbeis. Neste sentido, Mar Pereira asegurou que, para o seu deseño, foi necesario realizar un estudo en profundidade da situación de cada un dos centros e das duplicidades existentes, e analizar a demanda en cada localización. “A nova Rede estará xestionada de forma unificada e integrada, coa participación de todas as administracións involucradas. Vaise aproveitar de forma racional os recursos e as infraestruturas que existen en todo o territorio galego, aos que se dotará de persoal cualificado para a realización de actividades de difusión e formación”, engadiu a secretaria xeral. “Darase a posibilidade de que se adhiran os concellos que conten con centros propios ou dependentes de deputacións, isto permitiranos cubrir 227 dos 315 concellos de Galiza”, avanzou.
Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización Tecnolóxica da Xunta
Descargar Tarifas