PUBLICIDADE
Mércores, 08 de outubro de 2008
Notas 07/08: Dianteira
Existe un gran debate na segunda división sobre o papel dos atacantes nos éxitos deportivos. Tradicionalmente, unha presa de dianteiros resolutivos gañaron ben o pan garantindo unha ducia de goles por tempada (Yordi, Nino...) mais nin sempre é preciso ter excelsos goleadores senón xogadores de recursos que axuden os seus compañeiros.
 08.07.2008 | 09:45

É posíbel que na tempada que comeza este mes non quede ningún dos futbolistas da parcela de ataque do Celta 07/08. Realmente será unha gran perda? Estiveron á altura os 'canoneiros' celestes?

Guayre: É un xogador maldito, unha especie de fichaxe pantasma que nunca se deu a ver de todo por culpa dunha cadea de lesións que practicamente o converteron nun mito no vestiario celeste. Un mito porque tanto compañeiros como técnicos e afeccionados esperaban del unha "resurrección", un salto de calidade a respecto do resto do plantel que nunca chegou a callar. É complicado que siga pero tampouco terá unha saída doada por causa das dúbidas que presenta o seu estado físico.

Quincy: Recordo canta expectación levantou este miúdo no seu debut en Vigo. Ao contrario que a maioría dos seus compañeiros o ghanés viña precedido dunha gran fama nas categorías inferiores da selección holandesa (el naceu en Amsterdam pero acabou sendo internacional absoluto polo país natural da súa familia). Xa contei aquí que se esperaba del fútbol de debuxos animados. En realidade, o gran problema deste futbolista é a constancia, a autoestima. Ten calidades excepcionais pero terá difícil destacar porque fáltalle armazón psíquica e amparo afectivo para poder desenvolverse. Afeito desde pequeno á emigración (Arsenal, Spartak de Moscova, Celta...) debería, segundo a miña opinión, volver á casa e empezar de novo, esquecerse da súa permanente obriga de lles facer "bicicletas" aos rivais e deixarse levar por esa forza que, nalgunha ocasión, lle vimos en Vigo. 

Diego Costa: Os que o critican esqueceron o fundamento real do éxito do fútbol: que é imprevisíbel e adoita saltar as regras. Este brasileiro altote e inmaturo é pura imaxinación, puro impulso. É como se nas pernas e na cabeza do futbolista houbese só instinto de fútbol, sen necesidade de formación técnica ningunha. En Balaídos doeron algunhas actitudes propias dun rapaciño pero se a sorte non o abandona e o seu axente sabe buscarlle un equipo axeitado, será un futbolista de elite, ben no Atlético de Madrid ben noutro sitio.

Perera: Podemos dicir que o extremeño é o antagonista de Costa. Onde o outro ten talento e imaxinación, este pon esforzo e dedicación. Se o outro peca por novo e inconsciente, este peca por limitado tecnicamente, por pouco intelixente. A base do seu éxito no fútbol profesional está no traballo diario. Non é casualidade que os seus adestradores non confíen nunca nel no primeiro impulso. Mais coma un furón, Perera vai gañando o seu espazo até se facer imprescindíbel. El quere aproveitar a súa derradeira oportunidade en primeira. Posibelmente, segue quedándolle demasiado grande.

Okkas: O chipriota foi un luxo para o Celta. Penso que el foi a mellor fichaxe da tempada pasada, o grande acerto de Ramón Martínez, que soubo que quedaba libre e o trouxo á liga española para que se dese a coñecer. Ten velocidade, sabe disparar á porta, acumulou experiencia abonda caneando defensas. O seu fútbol mediterráneo adaptouse moi ben á porta atlántica de Vigo. Pero supostos problemas familiares (seica a muller quería volver a Grecia) e unha moi inoportuna lesión complicada co seu afastamento da titularidade fixéronlle perder influencia até acabar a tempada sen ningunha posibilidade de renovación. Debería ter moitas "mozas" neste depauperado mercado estival.

Goran Maric: O pichichi do Grupo I da Segunda B no tivo oportunidades no primeiro equipo do Celta, fóra dun par de partidos nos que apenas se notou que estaba no campo. É un futbolista que precisa determinadas condicións para crecer; un equipo que o arroupe e o converta en referencia principal no ataque. Velaí o modelo que deseñou para el o técnico do filial celeste, Alejandro Menéndez. Con outro sistema, este xogador de 24 anos, ten moitas dificultades para destacar.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
 
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil