Perfecto Conde . Manuel Vázquez está doído pola protesta de Galicia non se vende, que cualifica de 'absolutamente inxusta'. Pregunta onde andaban os que agora protestan cando os gobernos de Fraga violaban a Rede Natura.
O conselleiro de Medio Ambiente critica a Galiza non se Vende.
A manifestación de Galicia non se vende atacou a política medioambiental. Que lle pareceu?
Absolutamente inxusta. O goberno ao que pertenzo está loitando polo territorio e por romper unha tradición de moitos anos. Despois do que fixemos polo saneamento integral das rías con máis de 600 millóns de euros, logo de comprar as illas de Cortegada e a de Sálvora, estar a comprar as Sisargas, recuperar a de Tambo, que cheguen dicíndonos que Galicia non se vende paréceme algo cruel. Non foi algo para defender o medioambiente. Foi unha manifestación heteroxénea á que cada un foi falar do seu. Os que se opoñen á depuradora do Lagares é difícil explicar como poden estar ao mesmo tempo en contra da contaminación das rías galegas. Falar de que o territorio non se vende cando temos o primeiro goberno de España que sacou unha lei de protección de 500 metros do litoral resúltanos difícil de entender, cando menos aos que tivemos un pulso político impresionante cunha multinacional como é Pescanova para non ocupar un lugar emblemático como é o cabo Touriñán. Que nos cheguen agora dando leccións de cómo se defende o territorio eu coido que non é xusto. Hai que ser un pouquiño pragmático. É certo que o dislate medioambiental e territorial do PP era dunha enorme dimensión sobre a que nós andamos xa un tramo moi grande, pero da que aínda quedan etapas por cubrir.
E como se están a facer?
Comprometinme a que ningunha das 52 minas do Courel se volvan a abrir nunca máis. Non vai haber eólicas na Rede Natura. Retiramos todo o plano piscícola desa rede. A verdade é que che queda un sabor amargo por ver xente protestando porque creamos un parque industrial de reciclaxe. Todos os colectivos medioambientais saben que o futuro é crear industrias de reciclaxe e reutilizar materias primas. Haberá colectivos medioambientalistas que entendan que hai outra maneira de facer as cousas, pero tamén están todos os que en claves localistas se opoñen a proxectos que a eles non lles van ben, o que non quere dicir que non lle vaian ben a Galicia. Dito isto, tamén engado que todo forma parte da obriga que ten un goberno de saber entendelo e levalo con tranquilidade, pero en todo caso a miña liberdade de dicir o que sinto tampouco ma pode cortar ninguén. Pregúntome, ademais, onde estaban todos estes colectivos cando gobernaba o PP. Podo entender o disgusto dos cidadáns que viven a carón da depuradora do Lagares, pero non que se diga que non hai que facela. Ou que se diga que a depuradora de Ribeira vai contaminar a ría. O que contamina a ría é non ter depuradora. Se algún goberno fixo algo polo medioambiente é o noso. Paramos as minicentrais, determinamos 4.500 puntos de vertido, temos unha brigada de axentes de protección dos ríos, estamos sancionando duramente... Entendo a xente de Reganosa, pero tampouco se pode chegar agora mesturando iso coa plataforma da Cidade da Cultura, coa minas do Courel, o Lagares ou o parque de Carballeda.
(Entrevista completa na edición en papel de A Nosa Terra)
Descargar Tarifas