
Hoxe é un principio aceptado nos políticas ambientais que a protección da biodiversidade é un dos obxectivos importantes que acadar. Cando se estuda a Ecoloxía –a de verdade, non a dos grupos ecoloxistas–, unha das primeiras cousas que se aprenden é que nos ecosistemas maduros, ou sexa aqueles que están en equilibrio, a diversidade é moi superior aos ecosistemas suxeitos a grandes variacións ambientais ou a explotación intensiva. Por iso de cara á explotación dos recursos naturais é necesario o estabelecemento de medidas que aseguren que, polo menos en segmentos das áreas suxeitas a explotación, se manteña a biodiversidade do sistema existente antes da explotación.
Isto ten un duplo obxectivo: por unha parte o de manter a variedade das especies que doutro xeito poderían extinguirse por efecto da explotación, diminuíndo o patrimonio biolóxico. Pero hai outra razón mais aló do feito da conveniencia de conservar o patrimonio e que ten repercusións de tipo práctico: manter a biodiversidade implica que o pool xenético das poboacións é moito mais variado e, polo tanto, a resposta que pode dar o conxunto das poboacións ás variacións ambientais é moito mais ampla. Interesa polo tanto dende un punto de vista de previsión cara ao futuro o mantemento da biodiversidade.
Quixera lembrar o concepto de Noosfera introducido polo xesuíta, pensador e antropólogo P. Teilhard de Chardin, hoxe un pouco esquecido. Comentando a evolución da especie humana, afirmaba que a diferenza entre o home e os animais era a aparición da reflexión, e como consecuencia da interacción entre as reflexións individuais aparecía na Terra, sobreposta á Biosfera pero intimamente ligado a ela, a Noosfera ou envoltorio de pensamento colectivo consubstancial á especie humana e envolvendo o dos homes.
Efectivamente temos que admitir que esa noosfera ten unha existencia real e o home é capaz de xerar un acervo de pensamento colectivo que o transcende, e que pasa dunha xeración a outra en forma do que chamamos cultura. Pero esa Noosfera evoluciona e pode aumentar co progreso dos coñecementos, pero tamén pode diminuír se determinados colectivos da especie humana deciden illarse uns doutros rexeitando partes do pensamento ou das culturas dos outros colectivos. É evidente que unha sociedade así sufriría un empobrecemento do seu acervo cultural e terminaría por degradarse.
O pensamento é a base do progreso do home e se existen sociedades que teñen unha boa capacidade para reaccionar ante novas circunstancias é porque neses colectivos existen individuos capaces de darlles ideas ao grupo para reaccionar ante os cambios. Canta mais riqueza de pensamento e tolerancia exista no colectivo, mellor será a resposta das sociedades á innovación. De xeito semellante ao que pasaba nas comunidades de seres vivos que mantiñan unha diversidade xenética elevada, parece que os grupos humanos necesitan manter a súa Noodiversidade ou Biodiversidade mental elevada.
En definitiva, as sociedades abertas son mais dinámicas que as pechadas. Por este motivo o American melting pot deu un exemplo de ser unha sociedade capaz de producir de todo. Os Estados Unidos son un exemplo de pais con moitas culturas integradas e que constitúe o motor do progreso tecnolóxico mundial e que no século pasado foi ademais quen de darlle unha axuda crucial para que Europa non se convertese nun inmenso deserto totalitario.
Eu sigo preocupado polo estado da biodiversidade mental dos galegos, que, ao meu xuízo, está ameazada por filosofías illantes derivadas do progreso das políticas nacionalistas no eido cultural. Estamos a construír na nosa terra verdadeiras barreiras mediante a utilización excesiva de políticas lingüísticas que lles pechan as portas ás achegas de xentes de fóra. Hoxe é un feito que, por exemplo, funcionarios que antes podían ter mobilidade desde calquera parte de fóra de Galicia para vir a traballar á nosa terra, agora non o poden facer por descoñeceren o galego. Non nos enganemos: isto está a suceder e non só no ámbito da Función Pública, senón noutros eidos. Estamos conseguindo pouco a pouco pecharlles a nosa terra ás ideas enriquecedoras dos que poden vir do exterior. Pola contra, un galego non ten dificultade ningunha en ir traballar a rexións castelá-falantes do resto de España.
Hai un certo pouso de inxustiza en todo isto, pero non é o que mais me preocupa, senón o feito de que imos con paso decidido cara ao illamento intelectual e ao empobrecemento cultural de Galicia. Que as linguas poden ser barreiras é coñecido de vello. A Biblia, que é un libro de vella sabedoría, exemplifica isto con prístina claridade na Xénese cando Iahvé, mirando o que eran capaces de facer en Babel os fillos dos homes, dixo: “Velaquí un pobo un, pois todos teñen unha lingua soa. Tense proposto isto e nada lles vai impedir levalo a cabo. Baixemos pois e confundamos a súa linguas de xeito que non se entendan uns cos outros”. O importante do exemplo non é a aparición das distintas linguas senón o feito que estas se constituíron en barreiras á comunicación, de tal xeito que os fillos dos homes xa non puideron levar a cabo grandes proxectos. A dispersión do home pola terra é sinónimo de illamento.
As linguas son produto histórico do illamento. Catalán, castelán e galego son produto do illamento de grupos que antes falaban o latín coma lingua común. O vasco probabelmente é o español orixinal, que sobreviviu grazas ao illamento deses pobos co resto da España latinizada.
O fenómeno de conversión das linguas en barreiras fronte ao exterior non se produce só en Galicia senón que se está a producir, disfrazado de pseudoprogresismo, en Cataluña, no País Vasco e agora nas Baleares. Non nos enganemos estas sociedades estanse a empobrecer: poucos estudantes do programa Erasmus queren ir a estas autonomías, que se irán empobrecendo e aldeanizando paulatina pero inexorabelmente.
Os galegos temos un exemplo claro do potencial da diversidade xenética. Todos sabemos que os cans de pura raza parecen moi bonitos e elegantes pero todos teñen algunha particularidade que os fai, ou ben febles ou ben inestábeis de carácter. Polo contrario todos sabemos que o can de palleiro, fillo de moitas xeracións distintas e de moitas razas mesturadas é o can mais intelixente e fiel do mundo. Non hai quen o engane e é capaz de escapar ás situacións mais complicadas e de sobrevivir con calquera cousa. Ten nos seus cromosomas unha ampla variabilidade xenética que lle posibilita unha ampla variedade de resposta.
Eu quero unha Galicia aberta, onde a súa lingua, agarimada e coidada, non se lle impoña a ninguén mais que pola forza do cariño. Quero unha Galicia aberta ás ideas e ás xentes de fóra que contribúan a facer da nosa unha terra mais desenvolvida, variada e de pensamento áxil. Isto só se pode lograr cunha sociedade á que todos queiran vir vivir. En definitiva quero que Galicia sexa unha sociedade aberta: abaixo o Rotweiler e viva o Can de Palleiro!!
Descargar Tarifas