Certo é que subiron os prezos dalgúns alimentos, uns como consecuencia de razóns obxectivas e outros polo chamado efecto imitación ou ‘a río revolto...’O máis significativo foi quizais o caso dos cereais, nos que unha mala colleita nos principais proveedores mundiais como consecuencia da seca xúntase a unha deficiente planificación da UE e, sobre todo, á entrada da China e a India no mercado destes alimentos. Este incremento dos prezos dos cereais repercute directamente no dos pensos, complemento básico da alimentación animal; o que serviu para acentuar unha suba continuada nos custos de produción nas gandarías galegas excesivamente dependentes de insumos externos por falla de base teritorial.A favor dos produtores de leite xogou dende finais do verán un incremento importante nos prezos en orixe, consecuencia tamén dunha cada vez maior demanda mundial e da insuficiente produción na UE para afrontala. Isto permitiulles a moitos gandeiros afrontar en mellores condicións o elevado endebedamento que levan soportando nos últimos anos para modernizar as súas explotacións, e tamén, unha parte importante, para adquirir máis cota.O grave é que as subas de prezos se converteron en elemento de campaña electoral e houbo promesas de favorecer a súa caída ou axuste. No leite, que ten hoxe un prezo inferior ao que pagamos por un café no bar da esquina, non pode baixarse a cantidade que reciben os produtores. Non debe forzarse unha caída dos prezos do leite en orixe por esixencia das grandes comercializadoras para seguir facendo deste un produto de consumo diario, un reclamo en oferta permanente.