PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
No(n) Valparaíso
 19.06.2009 | 09:51

Ledicia, arestora, aloumiño, vagalume, solpor...  

Cantaban Los Tamara que “sólo Dios pudo crear/lo que tiene la tierra que me vio nacer/Sólo Dios pudo poner/el color y la luz que en Galicia se ve”. A canción vén dicir que Galicia é un lugar único e marabilloso, como dixo Siniestro Total,donde Dios se echó a descansar”.

As cancións din que somos divinos.

E xa que logo, Galicia no “es una mierda” como suxiren Ataque Escampe, senón un paraíso.

Un val paradisíaco.

Un valparaíso.

Non embargante, os habitantes desta marabilla valparadisíaca nada queren saber das palabras fermosas que teñen para nomear o mundo. E xa que logo, non teñen intención de seguir usando no futuro verbas como luscofusco ou donicela, por dicir dúas calesquera. No canto, prefiren atardecer ou comadreja. Daquela, este é un paraíso que, coma o bíblico tamén ten o seu pecado.

O que pasa é que o pecado non nos chegou en xeito de tentación externa. Levámolo dentro de nós

Cando digo Valparaíso vénme aos miolos Neruda, un dos seres humanos que mellor coidou da palabra. Nas súas memorias, falándonos de Valparaíso, do de verdade, da súa casa, falounos, sen el o saber, de Galicia e dos galegos.

Nun texto dedicado ás palabras, reflexiona sobre o que os conquistadores fixeron no seu continente, esnaquizándoo e asasinando sen piedade. Mais agradécelles algo: “qué buen idioma el mío, qué buena lengua heredamos de los conquistadores torvos” e conclúe recitando un monllo de palabras castelás que o engaiolan. Contra o final dese fragmento, unha conclusión ambigua: “Salimos perdiendo. Salimos ganando. Se llevaron el oro y nos dejaron el oro. Se lo llevaron todo y nos dejaron todo. Nos dejaron las palabras”. O poeta de Valparaíso teno claro. Fóronche brutiños, si, pero que ben falaban. E que lingua bonita nos deixaron!  Non perdemos nada porque nos deixaron o ouro das súas palabras. Que agora son as nosas. Así que, en realidade, gañamos.

Para Neruda, a desaparición das linguas propias daquelas terras a favor doutra lingua allea (fermosa, coma todas as do mundo, pois todas saben como dicir, poño por caso, eixada ou alicerce ) non é no fondo unha traxedia, pois o ouro que significa ter gañado o castelán compensa da perda. A desaparición das linguas propias era só un “mal necesario” para producir un ben máis grande. Ou non importa que che corten as pernas se, total, agora vas estar máis cómodo sempre sentado.

Ler algo así dun amante das palabras (debería amalas todas, as de todos os idiomas, pois todas as linguas saben dicir, eu que sei, ardora ou treboada), decepciona, porque, dalgunha maneira, desliza a idea, perversa, de que esa lingua que se perdeu, xa que a herdada é tan bonita, no fondo non era tan fermosa como a recibida dos conquistadores.

O problema, xirín, é que os galegos, lóstrego, non teñen a sensación, auga, de que perdan, xarada, nada de nada, salouco, se perden a súa lingua de seu, borboriño, a súa lingua que seguen coidando analfabeta, fiúncho, a súa lingua milenaria, adega, e como Neruda, estrela, pensan que a outra lingua, lúa, vai traelles o ouro, amorodo.

Só se os habitantes do valparaíso chegasen a sentir que perdendo a lingua perden a beleza, algo grande e algo importante, só así, quizais, comezarían a preocuparse por ela.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río