Redacción . Esta á columna última do escritor Ramiro Fonte que publicamos en A Nosa Terra, o pasado 10 de abril.
Non ler libros é consello de escritor profesional que vocea a súa propia mercadoría na praza pública dos medios. Enténdase: non ler libros dos mestres, e encamiñar o coitado lector ós da súa autoría. A presunción de non ler é a responsable de tantas páxinas de prosa mal escritas, pesimamente puntuadas. Isto sucede cando queremos ter escritores e non unha literatura. As grandes obras, as máis humildes de todas, obrigan os seus creadores a daren un paso atrás. ¿Ninguén se decatou aínda de que os caracteres dramáticos que Fernando Pessoa elevou ó escenario da vida sinalan un caso flagrante de desaparición? Intentemos ser invisibles. Se alguén ten a sorte de escribir un gran poema, que pida perdón. Despois, deixe que o poema ande con pasos propios, á procura dun lector de quen esperamos, polo menos, que non sexa parvo. Pero que ninguén pense que o feito de querer ser escritor sen querer ler sinala un fenómeno dos nosos días. Xa Petrarca se referiu á inflación de escritores, privilexiando os lectores puros. Certo é que Petrarca tamén sometía ó xuízo da razón aqueles que presumían de atesourar centos de volumes mentalmente intonsos nas súas bibliotecas. Confeso que son un lector compulsivo, que salto de libro en libro coma un paxaro carpinteiro de póla en póla. Estes días, mentres intento reconstruírme corporal e espiritualmente, teño a inmensa sorte de habitar na torre do señor de Montaigne. Rehabilito a miña vida deixándoa ó coidado dun inmenso lector. O mestre de todos aqueles que escribimos en primeira persoa
Ramiro Fonte na biblioteca.
Descargar Tarifas