PUBLICIDADE
Martes, 08 de xullo de 2008
Nomes para o futuro
O domingo fun ver o Pontevedra-Celta B. A pesar do baño de fútbol que o líder lle deu ao filial céltico, o alto nivel dos granates permite facer unha lectura en clave de futuro sobre os nomes da canteira que poden ser útiles para o primeiro equipo a partir da tempada que vén.
 22.04.2008 | 10:02

Pasarón ten ganas de fútbol profesional. Nótase na ansia da afección (vin varias pancartas nas que se expresaba graficamente o cansazo de xogar na segunda B) e na convicción dun grupo de futbolistas que se senten máis cómodos unha categoría máis arriba: Igor, especialmente, un dianteiro con moita potencia, control de balón e remate.

Era por iso o Pontevedra-Celta B un bo día para comprobar que sensacións producen os talentos máis sobresalientes do Celta B de cara á posibilidade de daren o salto ao primeiro equipo. Dicía Rafa Sáez, adestrador do filial celeste durante moitas tempadas, que a clave para saber se un futbolista está pronto é sinxela: cando a un xogador se lle queda pequena a categoría na que xoga habitualmente é necesario que suba de nivel inmediatamente para que non se corte a súa progresión.

Hai xogadores nesa situación no actual Celta B? Se atendésemos só ao visto en Pontevedra, o diagnóstico sería nesgado e erróneo: a forte chuvia que empapou parte do céspede, o golpe moral que supuxo o penalti a favor dos granates... Pero incluso a actitude dos xogadores nese encontro nos vale como guía para comprobar a madurez mental dos rapaces.

A miña aposta é, a curto prazo, a seguinte:

Dani Abalo: Malia que recoñezo que se estancou un tanto na segunda parte do campionato, o arousán ten unha calidade innata prodixiosa. O talento é sempre un valor que non caduca e Abalo ten maneiras para render de marabilla na segunda división. Extremo dereito clásico (dos que soben a banda e saben centrar, dos que non lle temen ao un contra un, dos que toman a responsabilidade do equipo cando fai falta), ten capacidade para render a un alto nivel.

Goran Maric: Por idade é un futbolista que ou ten sitio no primeiro equipo ou debe marchar xa. Quizais non ten feitura de dianteiro centro titular para o Celta pero si virtudes que o fan interesante para completar o plantel. É un xogador que contribúe moito na construción dos ataques pola súa visión de xogo. Ten unha eiva, no Celta B é líder absoluto e o adestrador Alejandro Menéndez conta de maneira clara coas súas características á hora de construír a súa táctica. No primeiro equipo quizais perdería ese plus. 

Iago Aspas: Outra ponla da rama moañesa que está destinada a triunfar no fútbol profesional. O irmán xoga en Italia tras demostrar que era moi válido en varias posicións. O pequeno da familia é un xogador completamente distinto. Mediapunta revoltoso e espilido, suple certa febleza física cun versátil xogo e unha axilidade portentosa cando se enfronta cos rivais. Non estivo en Pasarón por lesión pero é fundamental no B e moi apetecíbel para o Celta 2008-2009.

Mateo: Poucas veces vin eu un futbolista medrar tanto. Hai unha tempada era un xogador lento e algo torpe que conducía o balón con inseguridade e acababa vencido polos nervios. Hoxe en día é un xogador dotado de fortaleza, hábil coa pelota e valente caneando, pasando e tirando á porta. De feito, foi dos mellores do Celta B antes do gol pontevedrés. Extremo esquerdo, tamén sabe xogar como mediapunta polo centro. 

Túñez: Outro dos lesionados. Neste caso, de gravidade. Antes de ser baixa demostrou que é un central valioso. Xogou co primeiro equipo no verán e xa entón amosou a súa valía. Futbolista moi profesional e dotado tanto para o corte como para a solución de dificultades.

Outro día falarei dos talentos que están a nacer. Nomes para un futuro algo máis afastado. 

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
 
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil