Redacción . O Goberno de coalición do Nepal, liderado por ex rebeldes maoístas, acordou abolir o sistema laboral 'Haliya', similar á escravitude. Deste xeito, as autoridades nepalís pretenden liberar a unhas 20.000 persoas de escasos recursos das mans de prestamistas e terratenentes.
Con este sistema, que prevaleceu durante décadas en nove distritos do oeste do Nepal, os prestamistas obrigaban a aldeáns pobres a traballar nas súas terras até que pagaran as súas débedas. Aos campesiños se lles ofrecían salarios baixos que nunca eran suficientes para alimentar ás súas familias e que só lles permitían pagar o que debían, quedando atrapados nun círculo vicioso no que só lles quedaba seguir pedindo máis cartos prestados. O Goberno aboliu o sistema este sábado e anunciou que calquera que o siga a poñer en práctica será castigado. Ademais, estableceu un equipo para considerar a rehabilitación das persoas afectadas e das súas familias. Goberno maoísta Os maoístas levaron adiante unha guerra civil dunha década contra a monarquía nepalí até a sinatura dun acordo de paz no ano 2006. A principios deste ano, lograron unha sorprendente vitoria nas eleccións lexislativas e agora encabezan un goberno de coalición. Durante a insurxencia, na que morreron máis de 13.000 persoas, os maoístas aseguraban estar a loitar polos dereitos das persoas sen privilexios e os marxinados, nun dos países máis pobres do mundo. Agora xa no poder, anunciaron que levaría adiante revolucionarias reformas, nun país onde máis do 80 por cento da poboación (26,4 millóns de habitantes) subsiste grazas á actividade agrícola.
Un garda vixía o palacio real de Katmandú (Nepal).
Descargar Tarifas