PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Na banca telefónica de Caixa Galicia
Nace a primeira falante artificial de galego

Manuel Vilas A primeira voz electrónica de galego da Historia valeu 660.000 euros e chámase Carmela. Trátase dun sintetizador quen de ler fluída e correctamente calquera texto na lingua do país. Caixa Galicia acaba de incorporalo á súa banca telefónica.

Reloxo 09.06.2008 | 13:12
  • Exemplo de 'Carmela', a voz sintética de Loquendo para o galego

'Sonia' a falante artificial do artigo de Manuel Vila 'Sonia' a falante artificial do artigo de Manuel Vila

Carmela é o produto de ano e medio de colaboración de Tecnocom, o Instituto da Lingua Galega e a empresa turinesa Loquendo. Esta firma é, canda a norteamericana Nuance, líder no mundo das voces artificiais. Ningunha das dúas compañías traballaba co galego, malia ter dispoñíbel catalán, portugués e castelán. Tecnocom acaba de lograr adaptar a tecnoloxía ao noso idioma.

Os devanceiros Monchiño e Cotovía

O resultado, que se pode probar na rede, é sorprendente. Carmela fala con fluidez, respecta vogais abertas e pechadas e ten mellor entoación que o pioneiro Monchiño, o sintetizador de voz do Centro Ramón Piñeiro e a Universidade de Vigo, hoxe chamado 'Cotovía'. O seu realismo é tal que os sistemas informáticos de Caixa Galicia xa poden recibir ordes vía teléfono para algúns trámites, como recargar o móbil. A entidade prevé que toda a súa banca telefónica use o sistema en setembro.

Lograr que a tecnoloxía de Loquendo funcione en galego esixiu moitos cartos –só foi posíbel co patrocinio de Caixa Galicia e unha subvención de 117.000 euros da Consellería de Industria– e horas abondo. Unha semana estivo unha locutora lendo guións no Estudio XXI da Coruña para gravar fonemas e entoacións. Os sons foron logo procesados por Loquendo coa axuda dun lingüista do ILG.

Como nun Telexornal

A locutora –que Tecnocom mantén no anonimato– gañou unha selección entre varios profesionais. Logrouno, entre outros motivos, por carecer de acento marcado dunha zona. O resultado é que Carmela non ten seseo nin gheada; pero tamén fala un chisco frío, como nun Telexornal.

Tecnocom (antiga Softgal, filial de Caixa Galicia) busca agora que o sistema, ademais de falar calquera texto, sexa quen de entender. Non se trata dunha transcrición literal da fala, senón de 'comprender' ordenes ou palabras clave. Un exemplo aplicado á banca telefónica sería que o PC fose quen de procesar o mandato 'paga o alugueiro de xuño' .

"Só sobrevirán as linguas integradas nas TIC"

Segundo Sergio Cañizares, coordinador do programa, isto será posíbel este ano. O experto explica que o traballo máis difícil –adaptar a tecnoloxía de Loquendo ao galego– xa está feito, polo que agora será moito máis rápido crear novas aplicacións, como un GPS que guíe aos condutores en galego ou navegadores de internet para cegos. Iso si, os emprendedores interesados en explotar a ferramenta terán que negociar con Loquendo, única propietaria.

Antes, a tecnoloxía sabía falar castelán e catalán, agora entende tamén o galego”, explica Cañizares. Na súa opinión “no futuro unicamente sobrevirán as linguas plenamente integradas nas tecnoloxías da información, non será tan relevante a escrita e a fala”.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río