Redacción . Un total de 6.119 efectivos e 900 medios de actuación e materiais mobilizaranse no novo Plan de Defensa contra Incendios Forestais (Pladiga) que actualizou hoxe a Xunta. O presidente do Executivo quitoulle importancia ás acusacións sindicais de privatizar o servizo.
Incendio nos Ancares. Flickr
Ao igual que na campaña anterior, a Consellería de Medio Rurañ encomendará á empresa pública Seaga a totalidade das brigadas terrestres e a maioría das helitransportadas, algo que suscitou críticas entre o colectivo de traballadores por segundo exercicio consecutivo.
No entanto, o presidente galego, Emilio Pérez Touriño, restoulles importancia ás críticas e insistiu en que a "única preocupación" do Goberno galego é lograr un sistema "eficaz" de loita contra o lume e unha política "activa" de prevención e valorización do monte.
Apoio a Medio Rural
Así, aínda que garantiu que a Xunta "sempre está disposta" ao diálogo e ao entendemento", engadiu que o seu "obxectivo" é "non se apartar nin un milímetro" da mellora do dispositivo antiincendios. Nesta liña, aludiu ao impulso da Lei de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais así como á futura Lei de Montes e á posta en marcha do Banco de Terras de Galicia (Bantegal).
Dispositivo "similar" ao do pasado ano
O mandatario se mostrou confiado en "superar con éxito a proba deste verán". Aínda que o Pladiga 2008 é "moi semellante" ao dispositivo de 2007 posto que, en opinión do Goberno galego, "se consolidou a un nivel razoábel", inclúe algunhas "melloras".
Entre elas, o xefe do Executivo autonómico recalcou a incorporación de dous vehículos de mando e de dous helicópteros para as épocas de maior risco e a mellora do Centro de Coordinación Central que, ao seu entender, atopábase "en condicións bastante primitivas".
Tamén destacou a renovación do sistema de comunicación e a entrada en servizo de novas aplicacións informáticas para actualizaraa "ano a ano". Así mesmo, instaláronse posicionador con incorporación de chamadas telefónicas a números prefixados e alarmas SOS nos vehículos.
Videovixilancia
Outra das novidades da campaña deste verán é a implantación dun sistema de vixilancia de bases de medios aéreos e un novo 'vídeo-wall' no centro de coordinación central e nos novos centros avanzados 085. Ademais, introducíronse melloras tecnolóxicas na rede de radiocomunicacións co obxectivo de adaptala ao novo cadro de asignación de frecuencias.
A maiores, renovarase o parque móbil dos servizos de prevención e defensa contra incendios, coa adquisición, en réxime de propiedade de aluguer, de vehículos todoterreno e motobombas. Tamén se axustará o mapa de parroquias de especial vixilancia, no que elimínase unha das estipuladas o ano pasado e engádense outras once nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense.
Subvencións para puntos de auga
No marco normativo, tamén se aprobarán os plans de prevención de distrito e incrementaranse as actuacións de xestión da biomasa, que se complementarán coa creación de oito equipos de prevención de incendios. Ademais, establecerase unha nova liña de subvencións co obxecto de fomentar a construción de puntos de auga de uso múltiple.