PUBLICIDADE
Xoves, 09 de setembro de 2010
Multitudinaria manifestación de 'Queremos Galego'
Milleiros de persoas saen á rúa en defensa do galego

Europa Press Milleiros de persoas partiron este mediodía da Alameda compostelá para reivindicar ‘o dereito a vivir en galego’, convocadas pola plataforma 'Queremos Galego' no Día das Letras. Nesta ocasión, a mobilización contou co apoio, ademais do BNG, do outro partido da oposición, o PSdeG.

Reloxo 17.05.2010 | 12:10
Intervención de Uxía na manifestación de 'Queremos Galego'. Xan Carballa

A organización cifrou a asistencia á manifestación, que recibiu o apoio de máis de 500 colectivos, do PSdeG e do BNG, nunhas 100.000 persoas, pero a diferenza doutras ocasións, a Policía Local non achegou datos oficiais sobre as súas estimacións. Non entanto, algúns asistentes aseguraron que houbo unha maior participación que na marcha do pasado mes de xaneiro e situárona en parámetros similares á convocatoria de outubro, cando tamén 'Queremos Galego' lograra reunir ao redor de 50.000 persoas.

En todo caso, a Praza do Obradoiro, onde collen ao redor dunhas 25.000 persoas, estaba chea do mesmo xeito que os seus laterais de acceso e os organizadores subliñaron que, tras unha hora de marcha polas rúas compostelás, a cola da manifestación aínda se atopaba á altura da Praza de Galicia.

Nun ambiente festivo ao son de tambores e no medio de consignas como "En Galiza, en galego" ou "as aulas da Galiza en galego", a manifestación arrincou da Alameda de Santiago encabezada por unha pancarta na que se lía "O galego, a forza do noso amor", frase de Uxío Novoneyra, o escritor ao que se lle dedica este 17 de maio.

Sostiñan a pancarta principal, entre outros, o portavoz da plataforma convocante, Carlos Callón; o secretario xeral da CIG, Suso Seixo; o deputado nacionalista Bieito Lobeira; e a coordinadora nacional de EU-IU, Iolanda Díaz.

Ao comezo da manifestación, Carlos Callón resaltou que existe "un 20% de analfabetos funcionais en galego", dato que subliñou que evidencia a necesidade de articular medidas para reverter esta tendencia. Por iso, apelou á Xunta para que "escoite a voz da sociedade" e emprenda medidas que potencien a lingua propia "historicamente desfavorecida", para garantir "a igualdade real" co castelán.

Ademais, o tamén presidente da Mesa pola Normalización Lingüística subliñou que informes xurídicos como o ditame do Consello Consultivo indican que o decreto do plurilingüísmo que pretende aprobar o Executivo galego é "ilegal e inconstitucional". Neste sentido, contrapuxo as alegacións deste órgano, que sitúan o proxecto "fóra do ordenamento xurídico", coas que expuxera contra o decreto do anterior Goberno bipartito, que dixo que se referían "a cuestións menores".

Partidos políticos

Uns pasos máis atrás, pero próximos á cabeceira da manifestación, circulaban as pancartas dos grupos da oposición, encabezadas polo portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez.

En declaracións aos medios, o líder dos socialistas galegos asegurou que tanto o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, como o seu partido, o PPdeG, están "sos e illados" en relación á súa política lingüística e reclamou a retirada do que rebautizou como "decreto do antigalego". O presidente da Fegamp, Carlos Fernández; a portavoz socialista, Mar Barcón; o presidente da Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro; ou os portavoces de Educación e Lingua, Guillerme Meixón e Francisco Cerviño, foron outros socialistas que acodiron á manifestación.

Pola súa banda, Guillerme Vázquez constatou que a norma que pretende impulsar a Xunta é para "recortar dereitos e presenza do galego", fronte ao que contrapuxo "o orgullo de ser galegos" e o "dereito a vivir en galego". O líder 'nacionalista' estivo acompañado de destacados membros da organización frontista, como o portavoz no Congreso Francisco Jorquera; Francisco Rodríguez; ou os parlamentarios Fernando Blanco, Carme Adán e Ana Pontón.

Percorrido da marcha

Tras partir da Alameda de Santiago pasadas ás 12h00, a manifestación percorreu con plena normalidade as rúas da capital galega a través da rúa da Senra; a Praza de Galicia; Doutor Teixeiro; Hórreo; Porta da Mámoa; Praza do Toural; rúa do Vilar; Praza das Praterías; para terminar na Praza do Obradoiro, onde a organización instalou un palco para celebrar o acto central.

Entre outras entidades, participou a directiva do sindicato CIG-Ensino, liderada polo seu secretario nacional, Anxo Louzao, tras unha pancarta na que se lía 'Paremos o decretazo contra o galego'.

Así mesmo, había pancartas doutras organizacións sindicais, como CC OO e STEG; da Asociación de Escritores en Lingua Galega ou da Mesa pola Normalización Lingüística, co seu lema 'Polo dereito a vivirmos en galego' ou 'Eu quero galego'.

Tamén estaban entre os manifestantes Rafael Cuíña, militante do PPdeG e fillo do falecido Xosé Cuíña, ademais de integrante da xunta directiva do Instituto Galego de Estudos Autonómicos e Europeos (IGEA).

‘Non valen medias tintas’

A cabeceira da manifestación alcanzou a Praza do Obradoiro perto das 13h00, onde os diferentes membros da plataforma 'Queremos Galego' leron o manifesto no que lle reclaman á Xunta "que cumpra coa súa obriga de promover a lingua galega, para garantir a súa igualdade" co castelán.

Tras as intervencións de Iria Taibo, da Plataforma, a cantante Uxía Senlle, a actriz Isabel Risco e o actor Carlos Blanco -que fixo un discurso en inglés e en galego- ante un Obradoiro repleto, tomou a palabra Carlos Callón para recordar que a defensa do idioma é algo "máis profundo que as ideoloxías políticas", que constatou ante "unha mobilización unitaria".

O portavoz da plataforma e presidente da Mesa agradeceu "o clamor unánime do pobo galego", que contrapuxo aos que tacharon a marcha de "defensa dunha ditadura lingüística", en alusión ás declaracións do secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda.

"Temos un presidente da Xunta que non nos merecemos", ironizou Callón, ao considerar que "só loitou contra o seu pobo". Posteriormente, reiterou a súa petición de "dimisión" do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, por "non retirar" un decreto do idioma que tachou de "anticonstitucional" e que "só conta co apoio do PP" e "dunha asociación vinculada" a ese partido -en alusión a Galicia Bilingüe-.

"E non valen medias tintas, hai que estar si ou si con Galiza", concluíu Callón, parafraseando de novo unha cita de Uxío Novoneyra, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Finalmente e tras unha segunda lectura do manifesto, o acto concluíu coa actuación da Asociación de Gaiteiros Galegos e o canto do himno galego.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río