PUBLICIDADE
Sábado, 22 de novembro de 2008
Javi Vázquez, emprendedor TIC
Microsoft, o abusón da clase
Dúas columnas seguidas sobre Microsoft, si, pero é que a ocasión o merece. Tras dar a sorpresa co intento de compra -por agora non consumado- do portal Yahoo, Microsoft ven de facer outro anuncio bomba a través do seu CEO (o yahoo Steve Ballmer). Resumindo moito, a apertura dos seus produtos software para garantir a interoperabilidade e a portabilidade dos datos, o que suporía un cambio radical das súas prácticas e cultura corporativa, ademais dunha revolución no mundo da informática.
 04.03.2008 | 18:06

Os motivos para dar esta segunda campada en menos dun mes parecen, a touro pasado, obvios. Por unha banda, o fracaso do seu novo sistema operativo Vista. Por outra, a ameaza do formato estándar ISO Open Document á hexemonía do pechado doc e, polo tanto, ameaza á xoia da coroa en vendas e tamén beneficios, a súa suite ofimática Office (Word, Excel,...).

O anuncio de Microsoft é innegablemente unha excelente noticia. Ou mellor dito, pode selo se a actual promesa de "dagora en diante serei un neno bo, moi bo" e ademais "xogarei cos outros nenos en lugar de abusar deles", pasa do universo das boas palabras levadas polo vento ao mundo dos feitos. Se fora doutra forma, se esta pasara a ser outra promesa incumprida, non sería a primeira...

Ben o sabe a Comisión Europea, quen ademais de desconfiar do neno abusón do mundo da informática, ven de pórlle a multa récord da historia da UE: 899 millóns de euros. Todo por cobrarlle un prezo excesivo aos seus rivais para que (non) poidan fabricar produtos compatibles co Windows. Manda carallo, 899 millóns de multa! Así non hai que se reforme. Un anunciando as súas boas intencións, e a mestra da clase castigándoo por roubarlle "os cartos do bocata" ós máis pequenos...

E non a primeira multa da UE a Microsoft. A primeira foi en 2004, 497 millóns de euros por abuso de posición dominante, é dicir, por abusón. A segunda, 280 millóns por non facilitarlle suficiente información aos demais fabricante sobre interoperabilidade cos seus produtos. En total ata o de agora, 899+497+280=1,676 millóns de euros, aí é nada!.

Pero mira ti por onde, se agora non cumpren coa promesa, como fixeron coas moitas similares nos últimos anos, aforrarán a multa e poderán empregar eses 899 millóns en comprar bocatas e repartilos entre os outros nenos...

En fin, a pesares da importancia da noticia, eu me pregunto: Ballmer, de pequeno, na escola, ¿sería dos abusóns ou dos abusados? É dicir, ¿era dos primeiros e agora segue igual porque lle da pereza cambiar?, ou como eterno regordete mofa de compañeiros de clase, ¿está a pagar o seu trauma infantil nunca superado con todos nós, os consumidores?...

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
 
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Rúa Laverde Ruíz, 6. Baixo esquerda
15702. Santiago de Compostela.
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil