Redacción . O presidente 'de facto' de Honduras, Roberto Micheletti, asegurou que non ten ‘ningunha obxección’ en adiantar as eleccións xerais de novembro como saída á crise causada polo derrocamento de Manuel Zelaya.
As palabras de Micheletti prodúcense pouco despois de que o secretario xeral da Organización de Estados Americanos (OEA), José Miguel Insulza, anunciara unha viaxe este venres a Honduras para falar co Goberno interino dese país, tras a destitución do presidente Manuel Zelaya. Pouco despois de coñecerse as intencións da OEA, o presidente deposto aseguraba en Panamá que Insulza viaxará a Honduras para informarlle ás autoridades "golpistas" do ultimato dado por esa organización para que restitúan a orde constitucional, "non a negociar". Nunha rolda de prensa no hotel no que se hospeda desde este mércores en Panamá, onde asistiu á toma de posesión do novo presidente, Zelaya asegurou que unha vez Insulza, "coa autoridade que lle deron todos os xefes de Estado de América", fale coas autoridades "golpistas" hondureñas, informaralle á OEA sobre as súas xestións. A OEA deulle este mércores un ultimato ao Goberno provisional de Micheletti, dándolle un prazo de 72 horas para restituír a Zelaya no seu cargo. A asemblea extraordinaria da OEA volverá reunirse este sábado para "tratar eventuais sancións a Honduras se as autoridades de facto non restitúen o presidente Manuel Zelaya", confirmou o chanceler arxentino, Jorge Taiana. "Se non repón o presidente, aplicarase o artigo 21", advertiu, de xeito que Honduras quedaría fóra da organización. Dous feridos Mentres, a tensión nas principais localidades do país van en aumento. Polo menos dúas persoas quedaron feridas este xoves en enfrontamentos contra os soldados hondureños despois de que o Exército disparase contra os manifestantes que protestaban na cidade de San Pedro Sula (norte do país), polo golpe de estado do domingo e reclamaban a restitución do presidente deposto Manuel Zelaya. Os axentes de Policía e militares despregáronse nesta localidade, situada a uns 240 quilómetros ao norte de Tegucigalpa, para reprimir as manifestacións de protesta contra o Goberno de 'facto', no medio das denuncias pola detención de decenas de opositores.
Protesta nas rúas de Tegucigalpa
Descargar Tarifas