PUBLICIDADE
Martes, 09 de febreiro de 2010
'Ámote vermella', de Claudio Rodríguez Fer
Memoria, solidariedade e muller

Xosé Manuel Eyré Poemas ao redor de figuras femininas represaliadas. Os textos adórnanse coas ilustracións de Sara Lamas.

Reloxo 22.04.2009 | 18:50

Claudio Rodríguez Fer Claudio Rodríguez Fer

Ámote vermella
Autor: Claudio Rodríguez Fer.
Edita: Xerais.

En tres partes se presenta dividido o novo poemario de Claudio Rodríguez Fer: “No corazón da besta”, “Na besta do corazón” e “Memoria contra a morte”. A seguir trataremos sobre o contido de cada unha delas, mais antes digamos que as tres se presentan tinxidas polas ilustracións de Sara Lamas, ilustracións que consisten en retratos en vermello de persoas martirizadas, represaliadas. Os poemas poden levar outros títulos, mais sempre se constrúen arredor de figuras femininas, agás algunha sobre todo do remate. E queremos agora reflexionar sobre as ilustracións, que por unha banda adiantan o contido, porque poucas veces se é xusto cos ilustradores. O importante, nestes libros híbridos, considérase que e o texto, inxustamente; paga a pena botar unha ollada á variedade de recursos para, mantendo o mesmo tipo de liña, compoñer retratos que tenden á seriedade expresiva coa alegría alá no fondo, ás veces figurativos, sempre interesantes, de traballada interpretación.
Polo que respecta á letra do poemario, o centro del é a eséxese de figuras de muller, muller resistente e con brutalidade repesaliada, fundamentalmente fíxase naquelas que foron martirizadas durante o golpe franquista. Porén non é un poemario que non transcenda iso, para tal bastaría coa primeira parte. Porque se esas figuras de muller interesan non é só polos seus actos e ideas sincrónicos, senón pola esperanza que proxecta na diacronía, a esperanza dunha xustiza que nos permita chamarnos humanos sen que haxa na expresión un átomo hiperbólico. De aí ese poema do remate, reclamándoa. Os que defenden o inmobilismo esquecen propositadamente a achega máis humana, vivificante e creadora que se ten expresado. Eis logo un poemario tamén humanista, neste senso. Un poemario para o progreso.   
Tamén o posicionamento do poeta diante do obxecto poético ten mudado moito a través do tempo. Houbo poetas fascinados vivamente polo obxecto poético. Houbo poetas que sentiron fondamente o fascinio da exploración verbal. Houbo poetas que escribiron para influír no lector desde a transcendencia do obxecto poético. Houbo poetas que quixeron exercer a función conativa desde o propio xogo verbal. O que fascina a Claudio Rodríguez Fer, e non só neste poemario, é a figura da muller, da muller asoballada socialmente… que aínda así, ou máis ca nunca, é símbolo do amor. Diante desta figura, no poeta proxéctase unha óptica contemplativa, sinceramente rendida e admirativa, que o encolle e universaliza á vez. De aí que o libro sexa fundamentalmente esexético. De aí que, xa na segunda parte, na rebusca introspectiva do que puideron deixar nel os exemplos da primeira parte, o primeiro poema sexa en realidade un panal de poemas, poemas moi próximos a unha das fórmulas que Carmen Blanco tamén usa en Atracción total, que supón unha acomodación do haiku oriental, liberada de compromisos formais. De aí que, esta proxección do pasado no presente, continúe no poema adicado a Sara Lamas, a ilustradora. Ou que logo chamen a súa atención as figuras de María Casares e Olga Novo, nas proximidades afectivas do poeta que rematará por reafirmar o seu credo particular e proxectalo como herdanza, como a herdanza que máis paga a pena, na súa propia filla. Despois o poeta bota a mirada cara a fóra, fóra está Lugo, e o que lembra proxéctase no que ve, porque nin podemos vivir só para fóra nin só para dentro.
A sinxeleza expresiva desde a que foi composto o poemario, resulta consecuente con todo o que vimos dicindo. A transcendencia do contido presenta tal relevancia que, adobiala con enfeites e pirotecnias pode resultar o mesmo que disfrazala, de aí a lóxica da escolla estética. E xa non só por iso, senón tamén pola humilde posición que adopta o autor diante do suxeito/obxecto poetizado. Máis que o preciosismo verbal da xenialidade sublime e verbal, interesa a transmisión do contido. Iso é así, por máis que tamén axude a disfrazar algún poema que non semella de todo logrado.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río