María Xesús Nogueira . Un dos pioneiros da publicación en liña de poesía presenta agora un libro artesanal e moi coidado.
Os veos da paisaxe Autor: Eduardo Estévez. Edita: Colección Bourel, 2009. Cumpriría escribir algún día, coa debida distancia, a historia editorial da poesía galega das últimas décadas e iluminar unha serie de iniciativas situadas nas marxes do mercado e das canles habituais de distribución. Malia o interese dalgúns produtos desta natureza, e mesmo a súa incidencia na evolución poética dun período, a maior parte deles non conseguen ultrapasar reducidos círculos e convértense, transcorridos apenas uns anos, en verdadeiras pezas de coleccionista de difícil localización para quen le e tamén para quen se achega ao estudo da materia. Os libros da Colección Bourel, elaborados artesanalmente por Antonio Piñeiro cunha tiraxe limitada e única de oitenta exemplares numerados, ilustran perfectamente o tipo de publicacións ás que me estou a referir e constitúen un fenómeno singular nuns tempos nos que se agardan transformacións profundas na edición e mesmo se cuestiona o futuro do libro en formato tradicional. Na mencionada colección ve a luz o libro Os veos da paisaxe, de Eduardo Estévez. Quen noutrora fora pioneiro na publicación de poesía na rede (velaí Lúa gris ou o finalmente polémico En construción), escolle agora un coidadísimo formato artesanal ilustrado cunha serie de fotografías que singulariza cada un dos exemplares, converténdoo nun produto de luxo raro nos nosos días. O libro de Eduardo Estévez presenta unha particular mirada sobre a paisaxe levemente embazada polos veos da chuvia, a néboa ou a memoria: “son tempos de ollar a chuvia / a través dos cristais / embazada memoria”. Ao longo dos diferentes momentos do día, a mirada do poeta detense nunha paisaxe estática que permite percibir os ritmos dun tempo lento, apenas alterado polas rutinas cotiáns, e nunhas figuras sumidas as máis das veces na soidade ou no ensimesmamento: pescadores “de ollar detido no horizonte”, Elena “atada nos espellos”. Por veces, a paisaxe está marcada pola decadencia, o abandono e a morte: “follas secas”, “paredes valorentas”, sombras e rúas baleiras que conforman unha terra durmida de sutís reminiscencias urbanolugrisianas (“hai un país de catedrais”). A presenza humana consegue noutros casos infundir vida á paisaxe e devolverlle a nitidez da mirada: “fumegan os pratos / falan as mulleres na praza / por un momento / a paisaxe non ten veos”. Coa sinxeleza retórica que vén practicando o escritor, Os veos da paisaxe propón un percorrido un tanto nostálxico polos “recantos desta terra prometida” onde, ao tempo que se procuran ángulos singulares desde onde encadrar o transcorrer lento do tempo, a ruína ou as siluetas das figuras humanas que a habitan, testemúñase a despoboación, a soidade e o abandono dunha “terra branca de séculos e cinza”. A mirada poética de Eduardo Estévez compleméntase cun traballo de Antonio Piñeiro que abre Os veos da paisaxe a unha segunda lectura: a do diálogo do poema coa fotografía. Neste caso, e para luxo de quen teña entre as mans un exemplar, fai dela unha experiencia persoal e única ante a imposibilidade da lectura total, a do conxunto de exemplares, lembremos, individualizados con cadansúa serie fotográfica.
Eduardo Estévez
Descargar Tarifas